Algo gordo oculta o Goberno sobre a Compañía de Tranvías para impedir o acceso a documentación

Algo gordo oculta o Goberno sobre a Compañía de Tranvías para impedir o acceso a documentación

A Coruña, 21 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que algo gordo terá que ocultar o Goberno municipal sobre a Compañía de Tranvías para impedirlle, unha vez máis, ás nacionalistas, neste caso ao portavoz, Xosé Manuel Carril, o acceso aos expedientes de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011 e para o 2012, uns expedientes que recollen as contas e os resultados de explotación da empresa. Unha vez máis, o Goberno municipal imposibilitoulles ás nacionalistas o acceso a estes expedientes. E isto, a pesar de contar co informe favorábel do técnico municipal. Precisamente, a anterior denegación da solicitude de acceso ao expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011 provocou que os tribunais condenaran o Goberno do Sr. Negreira por vulnerar os dereitos fundamentais de participación política e de participación en asuntos públicos das concelleiras nacionalistas, en concreto, do entón concelleiro Xan Caxigal.

Na resposta á solicitude formulada por Carril o 15 de marzo de 2013, o portavoz do Goberno municipal, o Sr. Flores, sinala que "o acceso poderá realizarse cando polo órgano municipal competente se produza a resolución de non presentar recurso algún (extraordinario, neste caso) e tome coñecemento e declare a conformidade coa resolución, á vista do informe da Asesoría Xurídica Municipal. E isto que, xunto á resolución, asinada polo Sr. Flores a 20 de marzo de 2013, se inclúe un documento do técnico municipal adscrito ao Departamento de Mobilidade e Transporte, asinado a 19 de marzo de 2013, en que informa positivamente a solicitude de acceso formulada polo BNG.

Dúas sentenzas condenan o Goberno municipal por impedirlle o acceso ao BNG ao expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011

Dúas sentenzas condenan o Goberno do Sr. Negreira por vulnerar os dereitos fundamentais das concelleiras nacionalistas ao lles impedir consultar, precisamente, o expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011, nun caso idéntico á solicitude formulada o pasado 15 de marzo de 2013 por Carril.

Así, o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña fallou a favor das nacionalistas na sentenza de 20 setembro de 2012, contra a que o Goberno municipal interpuxo un recurso de apelación. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) desestimou este recurso e ratificou a condena ao Goberno municipal na sentenza de 21 de febreiro de 2013, que deu a coñecer a semana pasada o propio Carril. O portavoz do BNG xa advertira entón de que, tal e como recolle o fallo, non cabe recurso ordinario ningún contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que lle dá a razón ás nacionalistas. Ademais, o TSXG imponlle ao Goberno municipal as costas que resultan en segunda instancia.

Vistos estes fallos a favor das nacionalistas, Carril decidiu volver solicitar o acceso a esta documentación, ao entender que ante unha nova solicitude o Goberno municipal non se negaría. Ante esta nova negativa, o Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira estea máis preocupado por protexer os intereses da Compañía de Tranvías que por garantir os dereitos fundamentais da cidadanía a través dos seus lexítimos representantes. Ao Partido Popular, ao que tanto se lle enchía a boca falando da transparencia, xa recibiu na Coruña dous tiróns de orellas por practicar a opacidade e o escurantismo.

 

Algo gordo oculta o Goberno sobre a Compañía de Tranvías para impedir o acceso a documentación