O CONCELLO CONTINÚA SEN PRESENTAR A DEMANDA
Os Franco xa debían ter permitido as visitas á Casa Cornide desde maio de 2021: non o fixeron coa complicidade da Xunta
1.-A protección da Casa Cornide (réxime de visitas do público, inventario dos bens móbeis contidos no edificio, etc) é total desde o momento en que o DOG publicou -24 de maio de 2021- o expediente de incoación da declaración BIC.
Ou sexa, desde ese mesmo momento, e sen agardar a que se completase o proceso, a familia Franco tiña que ter permitido a visita ao palacete un mínimo de catro días ao mes (catro horas cada un deses días), alén do resto de medidas de protección do inmóbel.
Por tanto, e canto ao réxime de visitas ao inmóbel por parte do público, e do mesmo xeito que fixo co Pazo de Meiras, a familia Franco incumpre as súas obrigas desde o 24 de maio de 2021, incumprimento que se produce coa absoluta complicidade da Xunta.
2.-Canto ao Concello, volvemos instar o Goberno Local a que presente ante os tribunais a demanda xudicial para a recuperación da Casa Cornide e a que o faga de inmediato como así se comprometeu Inés Rey cando en maio pasado concluíu o proceso por parte da Xunta.