Bravo: "Se hai cartos para as promotoras, hai cartos para as axudas ao aluguer"
A Coruña, 25 de marzo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denuncia que hai persoas en situación de exclusión social e que non cobran desde o mes de xaneiro a axuda municipal ao alugueiro á que teñen dereito pola ineptitude do Goberno do Sr. Negreira. "Estamos falando de persoas que só teñen como ingreso os 399 euros que lles corresponde da Renda de Integración Social de Galiza (Risga) e para as que son vitais os 130 euros de axuda municipal ao aluguer", sinala Bravo, quen acusa o Goberno municipal de mentir, xa que ningunha das persoas beneficiarias cobrou o mes de febreiro.
A concelleira nacionalista non acepta ningún tipo de escusa para non facer efectivo o pagamento destas axudas ás persoas máis desfavorecidas. "Cada vez, o Goberno municipal di unha cousa diferente para xustificar o atraso no pago: que se se debe temas burocráticos, que se cambiaron os criterios, que se son necesarias xustificacións... mais o certo é que as persoas sen recursos levan sen cobrar estas axudas desde o mes de xaneiro", apunta.
Ademais, María Xosé Bravo nega a existencia dos novos criterios de fiscalización das axudas nas que se agocha agora o Goberno do Sr. Negreira para xustificar a súa pésima xestión coas persoas máis desfavorecidas. Segundo puido saber a nacionalista, os criterios son os mesmos que o os do ano pasado.
A concelleira do BNG esixe a posta ao día destas axudas municipais ao aluguer e empraza o Goberno municipal a estabelecer as súas prioridades de pagamento en base a criterios de xustiza social. "Non entendemos como o alcalde pode mandar crear unha páxina web de visita virtual ao concello cando ten sen cobrar persoas en exclusión social que corren o risco de seren desafiuzadas", sinala Bravo. A edila nacionalista afirma, ademais, que "se hai cartos para pagarlle 318.975 euros á promotora Coprosal por unha responsabilidade patrimonial que non existe tamén hai cartos para facer efectivas as axudas municipais ao aluguer", conclúe.