SOBRE A 'FOLGA' NO SERVIZO DE RECOLLIDA DO LIXO
A chantaxe dun sindicato que non é tal e si un grupo que defende intereses espurios
Así o valora o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.
“O BNG é o primeiro en esixir que as concesionarias municipais se ateñan aos pregos dos contratos e cumpran coas condicións establecidas nelas para garantir unha correcta prestación dos servizos. É tamén o primeiro en defender o dereito á folga das e dos traballadores”, remarcou Jorquera. Mais o que temos aquí non é unha mobilización movida pola defensa dos dereitos do cadro de persoal, senón ante unha convocatoria “cuxa razón de fondo é a defensa do statu quo dun grupo que se autodenomina sindicato, pero que non é tal, pois as súas prácticas son de moi dubidosa legalidade e, desde logo, absolutamente reprobábeis do punto de vista ético”.
Jorquera acha “sintomático” que a folga fose convocada xusto “cando a concesionaria retira a ese grupo o control da política de contratacións, isto é, cando xa non lle permite decidir a que persoas se contrata, que persoas se promocionan ou a que persoas non se lles renova o contrato”. “Iso non pode estar en mans dun grupo que se autodenomina sindicato, pero que non ten comportamentos propios dun sindicato”, salienta.
O BNG insta a que “se cumpran os servizos mínimos” e a que non se utilice a convocatoria para chantaxear a veciñanza da Coruña.