AVIA VEIRA REXISTRA UNHA BATERÍA DE PREGUNTAS POR ESCRITO
O aparcamento indebido impide o desfrute dos novos espazos peonís na contorna da Praza de Santo Agostiño
A veciñanza lamenta que durante a noite haxa coches estacionados sobre as beirarrúas -tal acontece na Rúa Pío XII- ou mesmo vehículos a ocuparen “rúas enteiras” como “é reiterado ver” en Santo Agostiño, indica Veira na exposición de motivos desta iniciativa.
A concelleira nacionalista quere saber se o Goberno Local “ten pensado iniciar unha campaña de vixilancia do aparcamento indebido” e se, alén diso, ten en mente “instalar máis bolardos que disuadan a xente de aparcar nestas rúas”, de modo a garantir que as coruñesas e os coruñeses “poidan desfrutar desta zona peonil”.
Veira inquire o Goberno Local cantas sancións se teñen impostas por aparcamento indebido na contorna da Praza de Santo Agostiño.
“Non pode ser que haxa persoas que paguen un garaxe particular e que vexan como outras aparquen indebidamente en zonas peonís e se salten a normativa”, remarca.
Outro asunto que atinxe esta área da cidade ten a ver coa necesidade que teñen as e os comerciantes de ampliación dos espazos de carga e descarga. Sobre este asunto, o BNG dirixira unha pregunta ao Goberno Local en xaneiro de 2023 e a resposta é que se estudaría en función da demanda.
Agora volve inquirir Veira se xa se ten producido ese estudo e se, en consecuencia, o Executivo coruñés tería decidido aumentar os espazos de carga e descarga.