PRIMEIRO DOS ENCONTROS ABERTOS Á CIDADANÍA DESTE MANDATO, ÁS 19.30 H NA FUNDACIÓN LUÍS SEOANE
O Fío Directo co BNG xa está aquí
O patio interior da Fundación Luís Seoane vai ser o escenario que acolla esta tarde o primeiro dos encontros abertos á veciñanza que o BNG da Coruña vai realizar, durante os próximos catro anos no Concello, baixo o lema xenérico de Fío Directo co BNG.
“Queremos ofrecer a visión do BNG sobre como se desenvolveu o proceso de diálogo que conduciu ao Acordo de Investidura e queremos tamén falar do rol que o Bloque aspira a xogar no Concello nos vindeiros 4 anos”, avanza o noso portavoz en María Pita, Francisco Jorquera.
“Trátase dun acto aberto á cidadanía, un acto para as persoas asistentes teren a oportunidade de expresaren as súas opinións e suxestións, a oportunidade tamén de formular as súas preguntas”, acrecentou.
“Imos ter unha interlocución permanente coas veciñas e veciños para render contas do noso traballo, escoitar propostas e ofrecernos como ferramenta para todas as coruñesas e coruñeses que lle queiran imprimir un cambio de rumbo á cidade”, di Jorquera.
O portavoz do BNG é consciente de que “moitas coruñesas e coruñeses” tiñan a expectativa de que a formación nacionalista entrase no Goberno Local para mudar as políticas municipais nun sentido positivo.
“Agradecemos moitísimo esa expectativa e queremos explicar con claridade e transparencia porque iso non foi posíbel”, engade. E a razón fundamental, apunta, é a “actitude dun PSOE que desde o primeiro momento descartou a posibilidade de formar un goberno de coalición”, concluíu.