REXENERACIÓN URBANA
Finalmente a merca de pisos do Goberno da Marea Atlántica é nula segundo o Consello Consultivo
No seu momento dixemos que o Concello tiña que ter aplicado as bases que rexeron o concurso de compra de vivendas xa que o deseñou el mesmo e que ao mercar dúas vivendas que incumprían as bases estaban vulnerando a libre concorrencia, agora o Consultivo confirma o que argumentaba o BNG
Cabe lembrar titulares das nosas notas de prensa remitidas en pleno apoxeo do conflito, como a enviada o 20 de febreiro: «Cómpre esta revisión porque o incumprimento das medidas das vivendas non se debeu á interpretación máis ou menos literal das normas do concurso senón a que o propio Concello non aplicou as bases que el mesmo deseñou e publicou admitindo ofertas e mercando dous pisos que non tiñan os metros cadrados sinalados na condición décima e polo tanto influíu na libre concorrencia»
É moi grave que na altura en que se produciu a polémica o concelleiro responsábel de Contratación o Sr. Lema afirmase que era mentira que se vulnerase a libre concorrencia cando hoxe o Consultivo sinala exactamente o contrario
Lamentamos que a Marea Atlántica non fose coidadosa con este concurso de compra pública de vivenda para aluguer social para garantir o seu éxito, sendo supostamente unha política chave do Goberno Municipal
A respecto da resolución do Consello Consultivo sobre o concurso de compra de vivenda para aluguer social confirma o argumentabamos cando estalou a polémica merca non outra cousa que o Concello tiña que ter aplicado as bases que rexeron o concurso de compra de vivendas xa que o deseñou el mesmo e que ao mercar dúas vivendas que incumprían as bases estaban vulnerando a libre concorrencia.
Lembramos, de feito, os titulares das nosas notas de prensa, como por exemplo a enviada o 20 de febreiro (ás que podes acceder na parte final desta nota no apartado noticias relacionadas): cómpre esta revisión porque o incumprimento das medidas das vivendas non se debeu á interpretación máis ou menos literal das normas do concurso senón a que o propio Concello non aplicou as bases que el mesmo deseñou e publicou admitindo ofertas e mercando dous pisos que non tiñan os metros cadrados sinalados na condición décima e polo tanto influíu na libre concorrencia.
Na devandita nota, tamén anunciabamos que na sesión extraordinaria da Comisión de Rexeneración Urbana que tería lugar o 21 de febreiro proporíamos que se revisase todo o proceso do concurso de compra de vivendas aplicándose axeitadamente as bases que o rexeron. Para nos, foi esa revisión a que deu lugar a que logo o Goberno levase a Xunta de Goberno Local a proposta de elevar ao Consultivo a compra da vivenda da rúa Barreira e a da rúa Joaquín Martín Martínez.
É moi grave que na altura en que se produciu a polémica o concelleiro responsábel de Contratación o Sr. Lema afirmase que era mentira que se vulnerase a libre concorrencia cando hoxe o Consultivo sinala exactamente o contrario.
O responsábel de contratación debía coñecer que cando se aplican laxamente unhas bases estase vulnerando a libre concorrencia e que cando nos procesos de valoración se aceptan condicións non recollidas nas bases estase vulnerando tamén ese principio, xa que, tal e como sinala o Consello Consultivo, calquera propietario dun inmóbel que renunciase á presentación de ofertas porque a súa propiedade non reúne os requisitos estabelecidos, podería considerarse afectado por interpretacións extensivas que permiten acceder á venda a quen non cumpre as bases.
Preguntámonos, pois, se logo de todas as afirmacións, e de todas as veces que o Goberno local se dixo e se desdixo sobre este asunto, é xusto que unicamente asuma responsabilidades e dimita a xefa de rehabilitación e vivenda.
Asemade, lamentamos que a Marea Atlántica non fose coidadosa con este concurso de compra pública de vivenda para aluguer social para garantir o seu éxito, sendo supostamente unha política chave do Goberno Municipal.
A Coruña, 12 de setembro de 2018.
Noticias relacionadas: