O BNG PIDE EN SAN CRISTOVO UNS CAMIÑOS DE FERRO DIGNOS E DE CALIDADE

Ferrol-A Coruña ou como facer unha viaxe nun tren propio de principios do século XX

IMG-20220117-WA0007
Ás 8.40 partiu de Ferrol o tren máis rápido daqueles que fan o traxecto que vai cara A Coruña. Chegou a San Cristovo ás 9.54. Case 75 minutos para cubrir apenas 50 quilómetros de vía férrea. Nel viaxaba a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, acompañada polo noso deputado no Congreso Néstor Rego e polo voceiro do BNG no Concello de Ferrol, Iván Rivas. Foron recibidos na estación de San Cristovo por Francisco Jorquera, Mercedes Queixas e un nutrido grupo de militantes e simpatizantes do BNG. 
Ferrol-A Coruña ou como facer unha viaxe nun tren propio de principios do século XX

"É para nós un pracer recibir as e os compañeiros de Ferrolterra nesta estación. Un pracer recibir Ana Pontón, Néstor Rego e Iván Rivas que veñen de facer esta viaxe coa intención de denunciar o estado de abandono dunha liña que ten características máis propias dos camiños de ferro de principios do século XX que das primeiras décadas do XXI", dixo Francisco Jorquera nun breve encontro cos medios na propia plataforma da Estación de San Cristovo.

Estamos a falar dunha liña que foi inaugurada en 1913 e que desde aquela apenas experimentou melloras. "Nela", denunciou o voceiro do BNG no Concello, "non se acometeron investimentos para a súa modernización e adaptación ás necesidades de hoxe".

Xa desde o principio a liña foi debedora dun deseño centralista. Ou sexa, non foi concebida para conectar Ferrol coa Coruña, senón para achegar a cidade departamental á meseta castelá, en concreto a Palencia.

E un século despois continuamos nas mesmas. "Aínda hoxe os trens que fan o percorrido entre A Coruña e Ferrol", relata Jorquera, "teñen que ter dous postos de condución, un en cada extremo, e teñen tamén que parar en Infesta e inverter o sentido da marcha, ben cara A Coruña ben cara Ferrol".

IMG-20220117-WA0008

A consecuencia é que a viaxe entre Ferrol e A Coruña dura no mellor dos casos unha hora e cuarto, tempo que impide que os camiños de ferro se constitúan en alternativa á autoestrada. "Isto, unido a uns horarios e frecuencias total e absolutamente inadecuados, fan que esta liña non axude a resolver os problemas de mobilidade dunha área, a do Golfo Ártabro, con máis de 600 mil habitantes", engadiu.

E é unha mágoa porque cos investimentos precisos a liña entre Ferrol (desde Betanzos Infesta) e A Coruña ben podería servir para dotar a cidade e a comarca dun tren de proximidade. "Reparade que o tren pasa por Betanzos, Guísamo, Cecebre, A Barcala, O Burgo, Acea de Ama e Fonteculler. E que perfectamente podería adentrarse até o corazón da cidade a través do tendido ferroviario do porto", indicoulle Jorquera aos medios.

En definitiva, concluíu, "non podemos perder o tren e é imprescindíbel investir na súa modernización, para vertebrar internamente o país e resolver as necesidades de mobilidade da área metropolitana da Coruña".

 

 

Ferrol-A Coruña ou como facer unha viaxe nun tren propio de principios do século XX