"Feixóo admite que a situación é preocupante, mais logo non esclarece que vai facer en uso das súas competencias"
“Como acostuma facer, Feixóo dedicouse a descargar as responsabilidades nos demais. Nas cidadás e nos cidadáns, nos concellos, nas policías locais. Mais en ningún momento esclareceu que vai facer no exercicio das súas competencias. Que vai facer para reforzar a atención primaria, clave no combate contra a enfermidade. Que vai facer para aumentar o número de persoas rastrexadoras. Que vai facer para realizar un cribado masivo de PCRs de maneira que podamos ter unha fotografía máis exacta do espallamento do virus. Ou sexa, Feixóo en estado puro, fuxindo das súas responsabilidades e facendo de comentarista do que fan os demais”, avalía Jorquera.
“Feixóo admite que a situación é preocupante, que pode estar habendo transmisión comunitaria, pero ao mesmo tempo non anuncia medidas novas para lidar con este grave problema”, engade o voceiro nacionalista.
“Hai que pór o acento”, salienta Jorquera, “en que o fundamental neste momento é reforzar a atención primaria, o fundamental é que ten que haber test masivos, que ten que haber máis rastrexadores. Todo isto é o que ten que facer a Xunta de Galiza e non o está a facer”. “O BNG exixe ao presidente do executivo galego que exerza de tal, que asuma plenamente as súas responsabilidades”, conclúe.