INTERVENCIÓN DE FRANCISCO JORQUERA NO PLENO EXTRAORDINARIO

A favor da Coruña como sede da AESIA, con críticas á Xunta por non propiciar unha candidatura galega única

20221021_123049
Veira e Jorquera, antes do comezo do Pleno
O grupo municipal do BNG emitiu un voto positivo no Pleno extraordinario realizado esta mañá no Concello para apoiar a candidatura da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Ao mesmo  tempo, durante a sesión plenaria, o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, criticou a Xunta por non ter traballado á hora de lograr unha candidatura galega única.
A favor da Coruña como sede da AESIA, con críticas á Xunta por non propiciar unha candidatura galega única

“Estamos a favor de que a sede estea en Galiza e que a cidade que a acolla sexa Coruña”, dixo Jorquera, quen a seguir expresou o desexo “de que a opción de que Galiza acolla esta axencia non se vexa debilitada pola existencia de varias candidaturas”.

“En Andalucía só vai haber unha candidatura: a de Granada. Tamén na Comunitat valenciana: a de Alacant. Tamén en Asturias: a de Xixón. E en Galiza? Cantas vai haber? Hai unha administración chamada a evitar a división: a Xunta de Galiza. O Goberno galego”, dixo o voceiro do BNG.

O problema é que o Goberno galego, para ser considerado, como tal “ten que gobernar e ten que ter visión de país”, estima Jorquera. “Pero nin unha cousa nin outra. Porque gobernar consiste en tomar decisións”, acrecentou.

No canto de gobernar, censurou Jorquera, “a Xunta prefire, na práctica, delegar a súa decisión no informe que emita un grupo de expertos de NodoGalicIA cuxa identidade descoñecemos”. “E que emitirá un informe”, estendeuse, “sobre a base da aplicación duns criterios e indicadores pactados entre eles que tamén descoñecemos”.

FJ 3
Jorquera, durante o debate

No comezo da súa intervención, Jorquera criticou a forma en que o Goberno Local ten xestionado este asunto, sen asumir o liderado que lle corresponde na cidade e convocando un Pleno extraordinario do que os grupos políticos da oposición tiveron coñecemento non polas canles habituais, senón a través da prensa. “Até poucas horas antes da celebración da sesión nin tan sequera coñecíamos os contidos concretos do que se ía debater e someter a votación”.

“Este xeito de proceder non é só unha falta de respecto á oposición e ás formas democráticas, senón que debilita o Concello como institución e a propia cidade, porque así non se constrúen os consensos”, proclamou Jorquera, para quen o Goberno Local debería ter asumido “un papel de liderado” para forxar un grande acordo de cidade por volta da candidtura.

“O Goberno local tería que ter sido o primeiro en reunir as forzas políticas, as organizacións sociais e as institucións representativas da Coruña. Por desgraza non o fixo e de novo vai ser a actitude responsábel das forzas da oposición a que, aínda así, faga o consenso posíbel”, afirmou.

Canto á candidatura da Coruña a acoller a sede da AESIA, Jorquera remarcou que a cidade cumpre “obxectivamente” todas as condicións que se requiren para ser a elixida. “Temos unha moi boa facultade de Informática, cunha ampla oferta de graos, mestrados e doutoramentos relacionados coas TIC e a Intelixencia Artificial. Temos centros de investigación de referencia, ben como un sector TIC conformado por numerosas empresas e milleiros de empregados que representa aproximadamente 50% da facturación do sector na Galiza. E temos un proxecto de futuro de importancia estratéxica, como é a Cidade das TIC, chamado a se constituír nun polo de referencia no eido das TIC e a innovación dixital”, concluíu.

 

A favor da Coruña como sede da AESIA, con críticas á Xunta por non propiciar unha candidatura galega única