JORQUERA EMPRAZA O GOBERNO LOCAL A MELLORAR O ESTADO DAS ÁREAS CANINAS E A AMPLIAR O SEU NÚMERO
Fan falta mudanzas para ir facendo da Coruña unha cidade Pet Friendly
Un rogo escrito e outro oral do BNG -que será lido no Pleno do vindeiro xoves 6X- emprazan o Goberno Local a que mellore o estado das áreas caninas e amplíe o seu número, co obxectivo de ir facendo da Coruña unha cidade pet friendly.
O autor destas iniciativas é o portavoz nacionalista no Concello, Francisco Jorquera, quen semanas atrás coñeceu de primeira man o estado en que se achan as áreas caninas da cidade nunha visita en que estivo acompañado por Mónica Cubeiro, a responsábel da plataforma A Coruña Pet Friendly.
A declaración da Coruña como cidade Pet Friendly foi realizada polo Goberno Local o 6 de marzo de 2020. Mais unha cousa é a propaganda e outra a realidade.
“Pese a que na nosa cidade hai máis de 32 mil cans rexistrados, é moito o que queda por facer para que A Coruña, alén de anuncios ou reclamos publicitarios, sexa realmente unha cidade Pet Friendly”, asegura Jorquera. E a seguir remarca: “O número de áreas caninas é insuficiente para atender as necesidades e moitas delas está mal deseñadas, sofren un importante estado de deterioración por falta de mantemento e resultan perigosas tanto para as mascotas como para as persoas”.
Algunhas delas -como a área canina do Parque Adolfo Suárez- non deixan de ser leiras acoutadas sen os servizos necesarios para atender os cans (por exemplo, a zona de baño hai meses que carece de mangueira para o aseo dos animais). É moi común nelas o mal estado dos peches que delimitan estes espazos e que constitúen un risco para a integridade de cans e cadelas. Tamén o é a falta de árbores ou zonas en que se gorecer da chuvia ou do vento.
No rogo por escrito, que se anexa, Jorquera detalla as deficiencias das áreas caninas de Eirís, a xa devandita do Parque Adolfo Suárez, Parque de Santa Margarida, Bens e Novo Mesoiro.