É O QUE SE TIRA DE RESPOSTAS A PREGUNTAS FORMULADAS POR AVIA VEIRA

Falta de compromiso do Goberno Local cos CEIP Pardo Bazán e María Pita

PB
CEIP Pardo Bazán
En respostas a preguntas por escrito formuladas pola concelleira do BNG Avia Veira, o Goberno Local deixa ver a súa falta de compromiso efectivo coas necesidades dos CEIP Emilia Pardo Bazán e María Pita.
Falta de compromiso do Goberno Local cos CEIP Pardo Bazán e María Pita

Sobre o CEIP Emilia Pardo Bazán, Veira inquiría o Goberno Local en relación á proposta feita pola ANPA Mil Nenos para a inclusión nos orzamentos participativos 2023 das obras de reacondicionamento do edificio, o coñecido nesa comunidade escolar como cole azul, en que se realizan as actividades extraescolares.

“Haberá que valorar o custo que supón e o orzamento co que contamos para afrontalo”, afirma o Goberno Local, unha resposta que non evidencia precisamente disposición a atender a demanda da ANPA. “E teñamos en conta”, apunta Avia Veira, “que estamos a falar dunha obra moi básica, pero á vez moi necesaria para o confort do alumnado: a mudanza de xanelas e o arranxo das persianas, para garantir a saúde das nenas e nenos que acoden a actividades e campamentos nesa instalación”.

Canto ao CEIP María Pita, a pregunta refírese a por que non se executaron aínda as fases 2 e 3 da obra de rehabilitación enerxética das fachadas do centro. A ese respecto, e como indica a concelleira nacionalista, o proxecto da fase 2 foi adxudicado en abril de 2021 e as obras tiñan un prazo de execución de 8 semanas de prazo.

A resposta do Goberno Local tampouco é nada alentadora e non ofrece ningunha explicación para semellante retraso. A alusión ás “prioridades que se marcarán en colaboración coa Consellaría de Educación” non deixa de ser escapista, tendo en conta que esta é unha obra promovida polo Concello.

De resto, neste mesmo centro está pendente de execución unha actuación recollida nos orzamentos participativos do orzamento vixente do Concello, o de 2022. E non se executou porque “está pendente de proxecto en fase de elaboración”, afirma o Goberno Local.

 

Falta de compromiso do Goberno Local cos CEIP Pardo Bazán e María Pita