#XUSTIZAPARAJIMMY

Exixamos como Concello #XustizaParaJimmy

Parcarta de #JimmyVive no fondo dos Riazor Blues en Riazor
Parcarta de #JimmyVive no fondo dos Riazor Blues en Riazor

Solicitamos do Goberno municipal a colocación dunha pancarta na se exixa que se faga xustiza no caso “Jimmy”

Entendemos que o Concello da Coruña debe solidarizarse coa familia e amigos e amosar publicamente o seu compromiso para que se faga xustiza e se deteñan e condenen aos responsábeis do asasinato de Javier Romero Taboada, “Jimmy”

Exixamos como Concello #XustizaParaJimmy

Vimos de presentar por rexistro esta maña unha solicitude (preme aquí para vela) na que demandamos do Goberno municipal a colocación no balcón do Palacio Municipal de María Pita dunha pancarta co texto “O Concello da Coruña exixe #XustizaParaJimmy”, solidarizándose coa familia e amigos, e co obxecto amosar publicamente o compromiso do Concello da Coruña para coa reapertura da causa, que se faga xustiza e e se deteñan e condenen aos responsábeis do asasinato de Javier Romero Taboada, “Jimmy”.

Lembramos que con data de 9 de xaneiro de 2017 o Pleno do Concello da Coruña aprobou unha moción na que nos seus acordos se recollía “esixir a reapertura da causa a fin de dar cos culpables do asasinato de Francisco Javier Romero Taboada, “Jimmy” e demandar das instancias xudiciais o máximo dos esforzos e implicación para rematar coa impunidade que existe arredor deste caso”, e  que a  aprobación desta moción viña motivada, a aquela altura, polo sobresemento provisional e o arquivo que o xuíz Pedro Merchante Somalo ditara sobre da causa que investigaba o asasinato do seareiro deportivista.

Mural de homenaxe a Jimmy no pé da torre de Maratón

Aquel ditame provisional provocou a perplexidade da familia e amigos de Francisco Javier Romero Taboada, “Jimmy”, da masa social deportivista, do propio Real Club Deportivo da Coruña e, en xeral, de toda a cidade da Coruña e constatábase así como o último dos maxistrados que asumira a instrución xudicial, contra o criterio dos investigadores policiais, decidía arquivar o expediente, de xeito provisional nese momento, baixo o argumento de que non se podía identificar aos autores da norte de Jimmy, facendo caso omiso dos detallados informes policiais.

Doutra volta, onte á mañá, xoves 2 de marzo, e dando continuidade á instrución anterior, o mesmo xuíz ditou o sobresemento e arquivo definitivo, co mesmo argumento esgrimido para o acto provisional, dando, por tanto, “carpetazo” a calquera responsabilidade e renunciando a seguir investigando e promover calquera esclarecemento dos feitos que procederan á detención dos asasinos de Jimmy, ratificándose, por tanto, a patente impunidade da que gozan a extrema dereita e os grupos neonazis no Estado español.

Deste xeito, entendemos que a frustración é un sentir unánime de todas e todos aqueles que demandan que se faga xustiza e se deteñan e condenen aos responsábeis do asasinato de Javier Romero Taboada, “Jimmy”: da familia e amigos de Francisco Javier Romero Taboada, “Jimmy”, das seareiras e dos seareiros do Depor e, en xeral, de toda a veciñanza da Coruña.

E entendemos que desde as instancias xudiciais non se está actuar coa dilixencia e celo que se ten demostrado noutras actuacións nin se están a realizar os máximos dos esforzos e implicacións para rematar coa impunidade que existe arredor deste caso, tal e como se demandaba naquela moción aprobada.

Así, con esta iniciativa pretendemos que o Concello da Coruña amose publicamente o seu compromiso para que se faga xustiza e se deteñan e condenen aos responsábeis do asasinato de Javier Romero Taboada, «Jimmy» así como a súa solidariedade coa familia e amigos.

A Coruña, 3 de marzo de 2017

Noticias relacionadas

 

Exixamos como Concello #XustizaParaJimmy