A PRÓXIMA CITA, DOMINGO 23A NO BAR INVERNADERO (BARRIO DAS FLORES)
A fórmula perfecta na estrea das Sesións Vermú do BNG: moi boa música e moi bo ambiente!
Moi boa música, a do grupo indie pop Leria, e moi bo ambiente, de confraternización. Iso foi o que se viviu, no núcleo de Elviña, na terraza do Bar O Ambigú, na estrea das Sesións Vermú co BNG. Soubo a pouco, mais non vos preocupedes: repetiremos o vindeiro domingo, 13 horas, no Bar O Invernadero (Barrio das Flores). E tamén con Leria!!!
Tamén houbo espazo para a intervención política, en ton distendido como corresponde a unha sesión vermú. Jorquera foi chamado ao escenario polas rapazas de Leria e alí foi, a apañar o micrófono.
“Este é o inicio dun ciclo de Sesións Vermú”, explicou o noso candidato á Alcaldía, “co que pretendemos confraternizar, dialogar, escoitar, en definitiva, crear comunidade”.
En realidade, precisou, nada moi distinto ao feito polo BNG durante os catro anos de mandato. “Ninguén pode dicir do BNG que fai isto porque agora chegan as eleccións. Ninguén pode dicir do BNG que ao longo dos 4 anos non pateásemos os barrios, non falásemos, non escoitásemos a veciñanza para trasladar as súas inquietudes ao Concello”, engadiu.
Inquietudes que basicamente consisten en construír unha cidade onde non haxa barrios ricos e barrios pobres. “Para o lograrmos, fai falta un cambio de rumbo e ese cambio de rumbo só pode vir da man do BNG”, dixo Jorquera.
“É inaceptábel que a calidade dos servizos e dos equipamentos públicos de que gozan as veciñas e os veciños dependa dos barrios nos que viven. Cómpre acabar con esa desigualdade”, subliñou.
O Goberno Local que se propón liderar o BNG tirará o máximo potencial a núcleos tradicionais como o de Elviña. “Convídovos a que imaxinedes o potencial de Elviña se apostamos pola restauración e rehabilitación dos seus lugares, a recuperación do seu patrimonio, a posta en valor do Castro de Elviña e da súa contorna, a revitalización dos seus espazos naturais”, dixo Jorquera.
Ese Goberno Local liderado polo BNG apostará por crear un grande “anel verde que conecte toda a contorna da cidade”, o que beneficiaría non só a veciñanza de Elviña, senón a de toda A Coruña, resaltou.
“O noso reto é o de dármoslle á Coruña o impulso que precisa, un impulso que non pode vir nin do continuismo do PSOE nin do retorno ao pasado do PP”, dixo. Ese impulso ten de vir da “forza” que ten a propia cidade e do traballo e o proxecto do BNG. “Convidámosvos a que nos acompañedes nesa tarefa”, díxolles Jorquera ás persoas que enchían a terraza do Ambigú.
“Moitas grazas a Leria, unha mostra máis do enorme talento que hai na nosa cidade”, foi concluíndo Jorquera antes de lle dar paso de novo ao grupo coruñés de indie pop.
A próxima Sesión Vermú do BNG será o próximo domingo, no Bar Invernadero (Barrio das Flores), ás 13 horas, tamén con Leria como moi enérxico acompañamento musical.