DAVID SOTO LEVA O ASUNTO AO #PLENOXUÑO DESTE XOVES 5X
O estadio é público, mais iso non significa que o Goberno Local "poda facer e desfacer con el ao seu antollo"
Así o afirma o concelleiro do BNG David Soto, quen vai levar os plans do Goberno de Inés Rey para a reforma de Riazor ao Pleno deste xoves.
“Que sexa un ben público significa que debe servir os intereses xerais da veciñanza. E significa tamén que a súa explotación ten que ser consensuada cos grupos municipais e estar aberta ao debate social, contando por suposto coas entidades deportivas da cidade”, indica o concelleiro nacionalista.
Até o de agora, os grupos da oposición en María Pita non teñen recibido ningunha información sobre a reforma, as súas vías de financiamento ou sobre o modo en que vai ser escollido o operador privado que iría explotar o estadio. A transparencia brilla, por tanto, pola súa ausencia.
É por iso que, ironicamente, no texto da pregunta oral que realizará David Soto este xoves se cuestiona o Goberno de Inés se concorda con que o estadio de Riazor é municipal. Se efectivamente concorda, o lóxico sería contar co conxunto da Corporación no proceso que conduza á súa reforma, salienta Soto.
“Moito máis”, engade, “cando estamos a falar dun investimento moi grande nunha cidade que dispón dun tecido deportivo tan vizoso como vasto cuxas necesidades, a comezar pola mellora das instalacións municipais, está moi lonxe de seren atendidas”.
“Queremos, en definitiva, que o Goberno Local entenda que non pode xestionar o estadio sen dar contas a ninguén. Queremos un debate o máis aberto e amplo posíbel. Un debate que non se cinxa só ao estadio, senón que inclúa o conxunto das instalacións deportivas e as súas necesidades”, conclúe.