O BNG VOLVE LEVAR O ASUNTO AO PLENO

Avia Veira insta Inés Rey a que xestione unha solución para o COF de Orillamar

Avia Veira e Mercedes Queixas COF Orillamar
Avia Veira e Mercedes Queixas, atendendo os medios diante do COF de Orillamar
A concelleira do BNG Avia Veira volta a levar ao Pleno do Concello a crítica situación do COF de Orillamar -á beira do colapso por falta de profesionais- após comprobar que as conversas  do Goberno Local co SERGAS para a formalización dun novo convenio non deron até agora ningún froito.
Avia Veira insta Inés Rey a que xestione unha solución para o COF de Orillamar

A concelleira do BNG Avia Veira volta a levar ao Pleno do Concello a crítica situación do COF de Orillamar -á beira do colapso por falta de profesionais- após comprobar que as conversas  do Goberno Local co SERGAS para a formalización dun novo convenio non deron até agora ningún froito.

Dito doutro xeito, a moción aprobada na sesión plenaria do pasado mes de maio, cos votos en contra do PP, continúa pendente de se cumprir.

E como iso é así, Veira insta a Inés Rey a que “se poña á fronte da negociación dun novo convenio co SERGAS” que evite o desmantelamento do COF de Orillamar.

A moción de maio, da autoría de Avia Veira e que foi transaccionada co grupo socialista, instaba a Xunta a formalizar un novo convenio co Concello, sendo que o anterior xa caducara, de modo que se evitase o desmantelamento dun centro que no seu día foi pioneiro no coidado da saúde sexual e reprodutiva das coruñesas.

O Pleno aprobou en maio unha moción do BNG, cos votos en contra do PP, mais fica pendente de se cumprir

“Un mes despois, non se ten anunciado ningunha novidade ao respecto. Seguimos cos parches, isto é, cos recortes á atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres. Continúa a haber consultas que se derivan ao COF do Ventorrillo ou á unidade de psiquiatría de Oza, saturando as profesionais que alí traballan”, denuncia Veira.

 “Non vale tirar con parches mentres se demoran as conversas coa Xunta. A alcaldesa ten que liderar a solución a este grave problema. O COF ten neste momento só dúas prazas cubertas do seu catálogo de postos de traballo, unha xinecóloga e unha matrona, pero ten vacantes as prazas de psicoloxía, traballo social e administrativo. Non hai nin quen colla o teléfono para axendar unha cita”, alerta a concelleira nacionalista.

 Non vale tirar con parches mentres se demoran as conversas coa Xunta. A alcaldesa ten que liderar a solución a este grave problema

De acordo coa moción xa aprobada en maio, no novo convenio a Xunta asumiría a provisión de prazas para completar o cadro de persoal, mentres que o Concello achegaría instalacións e equipamento.

Así as cousas, no Pleno do vindeiro xoves Veira volverá defender unha moción sobre o COF. Cunha idea forza: que a alcaldesa “se poña ao fronte do problema” e “faga o que teña que facer, chame a quen teña que chamar” para evitar o desmantelamento do COF de Orillamar e para conseguir que este centro volva ter todas as súas prazas de persoal cubertas.

 

 

Avia Veira insta Inés Rey a que xestione unha solución para o COF de Orillamar