A COMISIÓN DE SEGUIMENTO REÚNESE POR VEZ PRIMEIRA DESDE O PASADO 21 DE XULLO
O esgotamento do orzamento dalgunhas liñas do PRESCO indica que o Concello precisa novas contas en 2021
Este feito merece a crítica do portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera. “Non é presentábel que a Comisión non se reunise até hoxe. O Goberno Local non cumpriu o seu compromiso de esta comisión manter reunións regulares para facer un acompañamento polo miúdo da marcha do Plan”, censura.
Critica tamén Jorquera a falta de transparencia por parte do executivo coruñés. “O PRESCO é produto das achegas de todos os grupos. Non é de recibo non termos tido información directa sobre a ampliación da vixencia dos bonos até fin de decembro ou sobre a modificación dos topes de desconto e por establecemento. Son medidas positivas, pero coñecémolas através dos medios cando existía o compromiso do Goberno Local de ir informando os distintos grupos das mudanzas que se fosen introducindo para avaliar a súa eficacia”.
Xa canto ao desenvolvemento do plan, Jorquera considera que “a execución dalgunhas das liñas contempladas no PRESCO está a ser enormemente lenta”.
“Hai un volume moi importante de solicitudes e, en troca, executouse unha porcentaxe moi pequena delas”, di o voceiro nacionalista, para quen “é necesaria unha maior axilidade, unha maior dilixencia”
A xuízo do voceiro nacionalista, o feito de que se estea esgotando a dotación orzamentaria de moitas liñas, “e de que haxa este volume de solicitude”, é unha proba evidente de que “a cidade non se pode permitir o luxo de prorrogar os orzamentos” e de que “necesitamos unhas contas novas para 2021, capaces de financiar políticas económicas e sociais que fagan fronte ás consecuencias da pandemia”.