DISTAN MOITO DOS MÍNIMOS ESIXÍBEIS PARA O BNG OS PODER APOIAR
Avaliación de urxencia dos orzamentos xerais do Estado para 2021 en relación á nosa cidade
1.-No seu estado actual, os orzamentos do Estado para 2021 en relación á nosa cidade son decepcionantes e totalmente insuficientes. Destacan máis polas ausencias, clamorosas, que polo seu contido.
Así, e a falta dunha análise máis en detalle:
-A partida para o enlace ferroviaria a Punta Langosteira é raquítica. Só 10.000 euros. E, na programación plurianual, nada para 2022 nin para 2023.
-Non se contempla a mellora da conexión ferroviaria A Coruña-Lugo. A dotación para A Coruña-Ferrol (variante Betanzos) é cativa (128 mil dun custo total de 240), cunha anualidade para 2022 (56 mil) e cero euros para 2023.
2.- O proxecto de orzamentos dista moito de cumprir cos mínimos esixíbeis para que o BNG os poida apoiar.
3.- Imos traballar desde xa na preparación de emendas coa vontade de tentar melloralos na tramitación parlamentar. A nosa vocación é sempre a de sermos unha forza útil. Por exemplo, as bonificacións ás peaxes. Se o BNG non tivese introducido esta cuestión na negociación da investidura, está claro que agora o Goberno do Estado non poría sobre a mesa a maior redución das peaxes na historia da AP9.
4.- Traballaremos tamén no ámbito municipal para conseguirmos un posicionamento de cidade para as demandas da Coruña seren atendidas. Pese a que o Goberno Local é da mesma cor política que o Goberno central hai unha desatención clara a demandas compartidas por toda A Coruña.