Un escrito ante Cultura para que se poñan medidas cautelares que blinden o contido da Casa Cornide

Marcha Cívica Casa Cornide. 7 de novembro de 2020.
O Bloque Nacionalista Galego apresentou o pasado luns 11 de xaneiro un escrito perante a Consellaría de Cultura para que se acelere o procedemento para a declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural e se adopten as medidas cautelares precisas que impidan o espolio dos bens que se achan no interior do palacete.
Un escrito ante Cultura para que se poñan medidas cautelares que blinden o contido da Casa Cornide

O escrito leva a sinatura de Francisco Jorquera na súa calidade de portavoz do grupo municipal do BNG.

A urxencia da declaración do inmóbel como BIC –e da adopción desas medidas cautelares- vén derivada do feito de que a familia Franco, tal e como denunciou o BNG o pasado 22 de decembro, está presumibelmente a retirar bens da Casa Cornide, nunha operación semellante á que intentou perpetrar no Pazo de Meirás.

O escrito do BNG consta de tres puntos.

No primeiro relátase que a Casa Cornide é un edificio de estilo barroco que se levantou entre os anos 1750 e 1760, que pertenceu ao patrimonio do Concello da Coruña e que até albergou a súa sede, a principios do século XIX. Refire tamén como “durante a ditadura a Administración local sacou a Casa a unha poxa pública, nun procedemento amañado coa participación das autoridades franquistas da época, que finaliza sendo adquirido por Pedro Barrié de la Maza para ser inmediatamente agasallada a Carmen Polo”.

A Casa Cornide é un edificio de estilo barroco que se levantou entre os anos 1750 e 1760, que pertenceu ao patrimonio do Concello da Coruña e que até albergou a súa sede, a principios do século XIX

Pormenoriza o BNG que “estas cuestións son documentadas en varios informes históricos de estudo sobre o proceso de adquisición por parte da familia Franco da Casa Cornide”, ben como tamén está acreditado como o ditador, unha vez que xa se fixera coa propiedade do inmóbel, fixo obras de reforma no seu interior e cargou as facturas ao erario do Concello.

No segundo punto o BNG fai constar que unha vez que a Consellaría de Cultura puxo en marcha o proceso de declaración do palacete como BIC –petición feita polo Concello após ter aprobado varias mocións da autoría da formación nacionalista-, a familia Franco respondeu pondo o edificio en venda. Este movemento torna aínda máis necesario que se poña en marcha toda a maquinaria administrativa –onte mesmo instamos no Pleno ao Goberno Local a que se movese nese sentido- para o Concello apresentar unha demanda ante os tribunais visando lograr a restitución do palacete.

No terceiro e derradeiro punto do escrito, o BNG relata que, alén de pór en venda o inmóbel, nos últimos días a familia Franco, tal e como testemuñan fotografías achegadas pola veciñanza, estarían presumibelmente a sacar bens do palacete, “adiantándose ao momento en que se poida facer un inventario do que alí existe, como xa ten acontecido no proceso do Pazo de Meirás”.

Os Franco puxeron o palacete en venda e unha furgoneta no garaxe para sacar bens do inmóbel

É por isto que urxe a conclusión dos trámites para a declaración do inmóbel como BIC e nomeadamente a adopción das medidas cautelares que preserven o patrimonio público que eventualmente se ache no interior do palacete.

Por tanto, a declaración da Casa Cornide como BIC, remarca Francisco Jorquera, ten que atinxir non só o continente –isto é, ao edificio- como tamén o contido –isto é, os bens que alberga dentro del.

Como afirmou onte o voceiro nacionalista no Concello, a estas alturas ignoramos que elementos patrimoniais poden acharse no interior do palacete. “Mais lembremos que até hai dous anos contiña as estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo”, subliña Jorquera.

 

Un escrito ante Cultura para que se poñan medidas cautelares que blinden o contido da Casa Cornide