ESTE MES VAISE LICITAR O CONTRATO DAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS POR ESPAZO DE 2 ANOS, O QUE AFASTA O HORIZONTE DE UNIFICACIÓN DA REDE
Interpelado sobre o espolio dos bens da Casa Cornide, Celemín alude á "presunción de inocencia"
“Estamos nun Estado de Dereito e aquí prima a presunción de inocencia, non se vixía a ninguén sen unha orde xudicial”, respondeulle Jesús Celemín a Francisco Jorquera. “Non esperamos outra cousa que actuar baixo o Estado de Dereito”, retrucoulle o voceiro nacionalista.
O que propón o BNG axústase perfectamente ao Estado de Dereito. Consiste en presentar sen máis dilación, antes de que se consume o espolio, unha demanda xudicial perante os tribunais e solicitar ao mesmo tempo a formalización de medidas cautelares para impedir que se continúen a extraer bens da Casa Cornide. “A estas alturas ignoramos que elementos patrimoniais se conteñen no palacete da Cidade Vella. “Até hai só dous anos alí estaban as estatuas de Isaac e Abraham do Mestre Mateo”, remarcou Jorquera.
Tamén é consoante co Estado de Dereito reclamarlle de vez á Xunta de Galiza que “acelere a declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural”. “Unha declaración que non pode abranguer só o continente, senón tamén o contido”, esclareceu Jorquera.
A resposta de Celemín distou de ser satisfactoria. Limitouse a consignar o xa sabido: que o Concello encargou distintos informes xurídicos e históricos para alicerzar a incoación do expediente BIC perante a Xunta e para fundamentar a “demandar que se interporá nos xulgados”, mais en ningún momento o concelleiro deu prazos de cando pensa o Goberno Local materializar a demanda perante os tribunais.
O perigo real é que os Franco aproveiten a lentitude coa que se move o Executivo coruñés para “engadir un novo espolio á súa longa lista de usurpacións”, alertou Jorquera.
Bibliotecas municipais
De por parte, o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, anunciou a unha pregunta de Avia Veira que o Concello vai licitar este mes de xaneiro o contrato das bibliotecas municipais.
Interpelado por Veira para ser máis concreto na súa resposta, Lage acabou por revelar que o contrato será por 2 anos prorrogábel a un terceiro e por un importe de 2,6 millóns de euros.
Como fixo notar a concelleira nacionalista, isto situaría fóra do actual mandato (2019-2023) o compromiso de unificación da rede das bibliotecas municipais baixo a fórmula de xestión directa que contraeu o grupo socialista ao asinar co BNG en xuño de 2019 o Acordo de Investidura.