E SEN ESQUECERMOS AS CAMPAÑAS DE APOIO AO COMERCIO DE PROXIMIDADE
O Entroido, tamén para o Novo Mesoiro!
Recentemente a nova directiva de Novo Mesoiro púxose en contacto cos distintos grupos municipais para lles trasladar unha petición: que o seu barrio sexa incluído na programación das festas do Entroido 2022 e nas campañas a favor do comercio de proximidade.
Produto desa iniciativa veciñal, o BNG acaba de rexistrar un rogo dirixido ao Goberno Local en que se asumen esas peticións tan razoábeis.
Sobre o Entroido, razoa o noso voceiro Francisco Jorquera -autor do rogo- que, a pesar de a rúa da Torre ser a cerna desta festa tan tradicional na nosa cidade, o Carnaval vívese con intensidade en todos os barrios da Coruña. É lóxico, pois, que se vaia á maior descentralización posíbel e o Entroido chegue tamén a Novo Mesoiro.
Canto ás campañas de comercio de proximidade, a xuízo do BNG este tipo de accións son aínda máis necesarias no contexto dun barrio "illado do resto da trama urbana" da Coruña.
Unha e outra cousa -Entroido e comercio de proximidade- reforzan o sentido de pertenza ao barrio e á cidade, remarca Jorquera.
Por tanto, o BNG traslada os seguintes rogos:
1.-Que o Goberno Municipal, na organización e programación das festas, comezando pola vindeira celebración do Entroido, inclúa a todos os barrios da cidade, singularmente o barrio de Novo Mesoiro.
2.-Que o Goberno Municipal inclúa todos os barrios da cidade, singularmente o do Novo Mesoiro, nas campañas de apoio ao comercio de proximidade.