O empréstito de 11,45 millóns nin vai xerar emprego nin retorno económico
A Coruña, 15 de marzo de 2013.- O Goberno municipal decide endebedar o Concello da Coruña nunha operación de empréstito que non ten en conta a crise económica que padecemos, en que os investimentos públicos deberían estar destinados para crear emprego estábel e de calidade e riqueza, xerando ao mesmo tempo retorno económico. O Goberno municipal decide, así, materializar a operación de endebedamento prevista nos orzamentos municipais do ano 2013, que foron aprobados co voto en contra do BNG por ser un engano para a cidadanía e un agasallo para os de sempre, que é algo que volve evidenciarse nesta operación de empréstito.
Unha boa parte da solicitude de empréstito por valor de 11,45 millóns de euros destínase ao financiamento de proxectos que apenas suporán un retorno económico do investimento nin para a cidadanía nin para o Concello. É o caso do millón de euros deste empréstito para financiar o capricho do Parrote, como agasallo para Copasa, substituíndo a quen debería pagalo, que é a Autoridade Portuaria, entidade que ten suficiente capacidade económica para o facer.
Pode estar ben contenta a Autoridade Portuaria co Sr. Negreira, dado que o Goberno municipal non só pide 1 millón de euros este ano para pagar algo que lle corresponde ao Porto, senón que, ademais, lle perdoa o cobro de 1,09 millóns de euros coa conxelación do Imposto de Bens Inmobles (IBI), mentres que á cidadanía lle aumentaba a presión fiscal (IBI e auga, principalmente). É por iso que o Concello da Coruña deixou de ingresar 1,09 millón de euros nos orzamentos municipais do 2013. E todo isto sen contar co que xa fixo o Concello da Coruña o ano pasado o Concello da Coruña no Parrote poñendo 3 millóns de euros, asumindo os gastos que lle corresponderían á Autoridade Portuaria.