Emotiva ofrenda floral en memoria de Moncho Valcarce

Ofrenda floral Moncho Valcarce. 30 de xaneiro de 2021. 
Como todos os anos, e organizado polo grupo de barrio do BNG de Monte Alto, a formación nacionalista rendeu tributo este sábado á memoria de Moncho Valcarce (1935-1993), o cura das Encrobas, símbolo da Galiza labrega e combativa, crego fondamente comprometido coa nosa cultura e lingua, co noso medio natural, cos sinais que nos identifican como nación.
Emotiva ofrenda floral en memoria de Moncho Valcarce

Desta volta, o tributo tivo que se axustar ás condicións decorrentes a pandemia. Non se reuniron por tanto os centos de persoas que acostuman se citaren todos os anos no cimiterio de Santo Amaro. No canto diso, o acto consistiu nunha breve ofrenda floral e na lectura dun poema de Manuel Lugrís a cargo da deputada no Parlamento galego Mercedes Queixas.

Ofrenda floral 2

Os versos de Lugrís, cargados de evocación mais tamén cheos do porvir que Moncho Valcarce soñou e que ha de chegar, reflectían á perfección a personalidade do cura das Encrobas, militante nacionalista xa na clandestinidade durante a ditadura, nomeadamente comprometido coa conformación das Comisións Labregas. O seu legado resoa especialmente pola súa participación no conflito das Encrobas, en defensa dos lexítimos dereitos das labregas e labregos fronte a unha empresa tutelada polo franquismo.

O acto contou tamén cunhas breves intervencións por parte de dous vellos amigos de Valcarce, membros da asociación cultural Irmandade de Moncho Valcarce, que debullaron anécdotas persoais do autor do libro Revolucionario e místico/Diario íntimo da doenza final (Encrucillada, 1994).

  

Emotiva ofrenda floral en memoria de Moncho Valcarce