APRESENTÁRONAS ESTE VENRES MERCEDES QUEIXAS E FRANCISCO JORQUERA

Emendas do BNG aos orzamentos da Xunta: 56,8 millóns de euros máis para a cidade, 53 máis para a comarca

Conferencia de prensa Mercedes Queixas e Francisco Jorquera. Presentación emendas parciais aos orzamentos da Xunta para 2021.
Un total de 109 millóns de euros a maiores do xa consignado é o que demanda o BNG para a cidade e a comarca da Coruña nas súas emendas parciais aos orzamentos da Xunta para 2021, apresentadas este venres nunha conferencia de prensa pola deputada Mercedes Queixas e o voceiro nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera.
Emendas do BNG aos orzamentos da Xunta: 56,8 millóns de euros máis para a cidade, 53 máis para a comarca

Eses 109 millóns de euros cos que se acrecentarían as contas da Xunta se se aprobaren as nosas emendas desagréganse en 56,8 millóns para a cidade e outros 53 para a comarca.

“No proxecto de orzamentos da Xunta para 2021 contémplase un investimento territorializado total de 2.502 millóns de euros”, pormenorizou Jorquera. Pois ben, desa cantidade só se destinan 47 á cidade da Coruña e 78 á súa área de influencia.

Baixando máis ao concreto, denunciou o portavoz nacionalista en María Pita que “a cidade da Coruña representa 9,1% da poboación total da Galiza e 10,2 do seu PIB, e, en troca, só recibe 1,8% do investimento total”.

“En termos relativos”, alegou Mercedes Queixas, “o investimento na área baixa á metade a respecto de 2020. Isto implica negarlle a forza que precisa a comarca da Coruña como cabeceira socioeconómica produtiva, industrial e investigadora do noso país”. “Os orzamentos da Xunta son”, recapitulou, “unha nova oportunidade perdida para reactivar Galiza desde unha comarca con múltiples potencialidades como é a da Coruña”.

Esa caída no investimento prodúcese, alén de máis, en plena crise socio-económica decorrente da emerxencia sanitaria da covid-19, xusto cando máis necesario é o rol das administracións públicas para reactivar o tecido produtivo e protexer os postos de traballo.

17 EMENDAS PARA A CIDADE

  • Sanidade:

As emendas do BNG aumentan a consignación orzamentaria do plano director do CHUAC (10 millóns de euros máis), dotan de partidas específicas o Centro de Saúde de Santa Lucía (un millón de euros para a redacción do proxecto), incrementan a dotación do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo (250 mil euros), destinan 2 millóns de euros para o persoal de pediatría dos centros de saúde e asignan 250 mil para contratar máis profesionais no centro de saúde de Novo Mesoiro.

  • Ensino

Neste capítulo, defendemos aumentar os orzamentos en 8 millóns de euros para reformas de carácter integral e distintas obras de mellora nos centros educativos, ben como tamén propomos destinar 2,5 millóns de euros á construción dunha nova escola infantil.

  • Política social

Neste apartado, emendamos os orzamentos para habilitar unha partida de 1 millón de euros para dotar de máis recursos o Plano Concertado de Servizos Sociais, ben como tamén reservamos 3 millóns para construír un centro de día e 1,5 millóns de euros para a rehabilitación do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Santiago Apóstolo.

  • Vivenda pública

Levando en conta que “as dificultades de acceso á vivenda constitúe un dos principais problemas sociais na cidade”, propomos destinar 2 millóns de euros á construción de vivenda de promoción oficial.

  • Infraestruturas

Para este capítulo, defendemos que se incremente a dotación nun millón de euros para a Intermodal, de modo a asegurar recursos abondos “no marco dunha programación plurianual que esixe un investimento superior aos 17 millóns de euros”.

  • Cultura

Aumentar en 900 mil euros a achega da Xunta á Orquestra Sinfónica da Galiza é a proposta do BNG neste apartado. Trátase de a equiparar á que fai o Concello da Coruña (3,6 millóns de euros) en cumprimento do estabelecido no convenio de 2005, visando que non continúe a aumentar a débeda da Administración galega coa OSG, situada nestes momentos por volta dos 5 millóns.

  • Cidade das TIC

O BNG propón aumentar en 3,4 millóns de euros o orzamento neste momento consignado para a Cidade das TIC (4,8 millóns de euros), de modo a alcanzar os 8,3 millóns, “cifra barallada inicialmente polo IGAPE para contribuír á posta en marcha e desenvolvemento deste proxecto, que ten unha importancia estratéxica para a cidade e para a área da Coruña”, esclarece Jorquera.

  • Fachada marítima

O BNG considera que a Xunta é unha das administracións chamadas a participar no futuro ente que vaia xestionar a transformación dos terreos do porto interior. De aí que –“en coherencia co compromiso explicitado polo presidente da Xunta hai dous anos diante de Portos do Estado e a Autoridade Portuaria”- a formación nacionalista propón que se inclúa nas contas galegas para 2021 unha dotación de 20 millóns de euros para o redeseño do bordo litoral da cidade.

46 EMENDAS PARA O RESTO DE CONCELLOS DA COMARCA

As máis sobranceiras, esmiuzounas perante os medios Mercedes Queixas, son as destinadas ao establecemento da gratuídade da AG55 (5 millóns de euros), á conexión da Vía coa A6 (5 millóns de euros), ás compensacións mariscadoras da Ría do Burgo mentres duren as obras da dragaxe (1,3), ben como tamén aos planos de industrialización comarcal (20 millóns), vivenda pública (5 millóns) e eliminación de especies invasoras (1 millón).

Puxo tamén en destaque Queixas os 2,2 millóns de euros para a mellora da atención primaria (Arteixo, Cambre e Oleiros), os 4 para os centros de ensino (Oleiros, Arteixo, Cambre e Culleredo) e os 6 para os centros de día (Cambre e Carral).

 

 

 

 

 

 

Emendas do BNG aos orzamentos da Xunta: 56,8 millóns de euros máis para a cidade, 53 máis para a comarca