ANA PONTÓN APRESENTA A PROPOSTA DO BNG PARA VALORIZAR UN DOS ECOSISTEMAS PRIVILEXIADOS DO PAÍS
Mobilicemos máis de mil millóns de euros para recuperarmos as nosas rías
"Desde o BNG pensamos que se trata dun proxecto esencial para Galiza, que pode ser financiado polos fondos europeos Next Generation", dixo perante os medios Pontón, quen estivo acompañada pola portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, o deputado no Congreso Néstor Rego, a voceira de Pesca do grupo parlamentar nacionalista, Rosana Pérez, a deputada Mercedes Queixas e polo noso voceiro en María Pita, Francisco Jorquera.
Pontón defendeu que o diñeiro dos fondos Next Generation se mobilicen para pór o País a producir e non para engordar a conta de resultados de multinacionais como Endesa ou Naturgy que non se caracterizan precisamente polo seu compromiso con Galiza.
O acto apresentouno Francisco Jorquera, quen para ilustrar o potencial produtivo das rías galegas referiu o exemplo da do Burgo. Nos seus momento de maior esplendor, lembrou, daba traballo a por volta de 2.000 persoas, "mais hoxe non chegan a 100", lamentou.
"A Ría do Burgo", remarcou, "non só ten un grande potencial produtivo, mais tamén pode ser un pode ser un espazo de lecer e de grande valor medioambiental do que desfruten os 400.000 habitantes da comarca, e iso ten tamén un grande valor económico".
A súa rexeneración está hoxe "moi perto de ser unha realidade", felicitouse Jorquera, logro que atribuíu "á loita das mariscadoras", mais tamén ao "traballo incansábel" de Ana Miranda no Parlamento europeo e "ao labor do Bloque no Congreso e nas restantes institucións".
Mais non todo está feito: "Fica sen resolver iso sí, as compensacións aos mariscadores polo cese de actividade, mentres duren os traballos de rexeneración", subliñou e nesa dirección esixiu "á Xunta e ao Goberno central" que deixen de "se pasaren a pelota un ao outro e non utilicen as persoas mariscadoras de reféns"f.