JORQUERA, QUEIXAS E VARELA VISITAN O MERCADO DE ELVIÑA
O eixo da política comercial do Goberno Local do BNG: apoiar os mercados municipais e as tendas de proximidade
“O Mercado de Elviña é un exemplo grazas á moi boa xestión das praceiras e praceiros. É un mercado vivo e dinámico. Infelizmente, hai outros mercados municipais que non se atopan na mesma situación, con prazas desocupadas desde hai ben tempo sen que o Goberno Local lles dedique a atención necesaria”, afirmou Jorquera, quen estivo acompañado por Mercedes Queixas e Carlos Varela, números 3 e 10 da candidatura do BNG.
Que cómpre facer desde o Concello para que efectivamente todos os mercados municipais xoguen o rol de “locomotoras” do pequeno comercio de e permitan a mellor distribución posíbel dos produtos de proximidade. “Pois ampliar horarios e diversificar ofertas, de modo a se converteren os mercados en centros de gravidade dos barrios e en elementos decisivos na dinamización do tecido comercial. Uns mercados vivos, como un pequeno comercio vivo, é o mellor antídoto contra a degradación que sofren os barrios da cidade”, remarca Jorquera.
Fai falta un “Goberno Local en pé de obra e en contacto directo con praceiras, praceiros e comerciantes, para escoitaren e canalizaren as súas propostas”, considera Jorquera, para quen é basico “unha Concellaría con máis dotación económica”. “A dotación económica da área de mercados do Concello é insuficiente para atender as necesidades de todas as instalacións existentes na cidade”, alega.
Co BNG á fronte do Goberno Local, avanzou Jorquera, as prioridades en política de comercio do Concello serán os mercados municipais e as tendas de proximidade, “e tamén ter unha Concellaría dotada de máis recursos e situada sempre a pé de obra, en contacto directo con praceiras, praceiros e comerciantes”, concluíu.