A edila de Cultura segue a incorrer en incompatibilidade por ser conselleira dunha empresa

A edila de Cultura segue a incorrer en incompatibilidade por ser conselleira dunha empresa

Carlos Negreira xunto a Julio Flores e Ana Fernández.

A Coruña, 25 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de ter acceso a unha documentación que revela que a concelleira de Cultura segue a incorrer nunha incompatibilidade ao ser conselleira da empresa Minicentrales Bouza Vella e ao cobrar a dedicación exclusiva como edila do Concello da Coruña. Así, en acta de 26.06.2014 (achégase a acta xunto á nota de prensa), a Sra. Ana Fernández figura como parte do Consello de Administración desta sociedade, da que posúe o 16,6% do capital. Malia esta evidencia, a concelleira de Cultura segue sen indicar que é membro do órgano de administración desta empresa na declaración de bens e intereses da web municipal (achégase a declaración de bens e intereses xunto á nota prensa). Neste sentido e en base á documentación que o BNG posúe, Minicentrales Bouza Vella, S.L. repartiu 240.000 euros de dividendos correspondentes ao exercicio económico de 2013. Como a Sra. Ana Fernández conta co 16,65% do capital, a concelleira de Cultura fíxose coa nada desprezábel cifra de 39.840 euros (achéganse as contas da empresa xunto á nota de prensa).

O Grupo Municipal do BNG xa advertira en setembro de 2012 que a concelleira de Cultura participou –en calidade de socia e de administradora- nunha Xunta Xeral de socios de Minicentrales Bouza Vella o pasado 28 de xuño de 2012. A pesar das críticas e denuncias do BNG, a Sra. Ana Fernández nunca chegou a solicitar a compatibilidade como edila de Cultura con dedicación exclusiva co cargo de administradora das sociedades nin chegou a modificar a súa declaración de bens e intereses publicados na web municipal do Concello.

O cargo municipal da concelleira de Cultura é claramente incompatíbel coa realización de actividades mercantís, sexan ou non remuneradas, tal e como sinala o art. 75.1 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local

As nacionalistas volven exixirlle explicacións ao Sr. Negreira sobre as incompatibilidades desta edila, que simultanea o cargo de concelleira en réxime de dedicación exclusiva coa de membro do Consello de Administración de Minicentrales Eléctricas Bouza Vella, S.L. O Grupo Municipal do BNG informa de que o cargo municipal da concelleira de Cultura é claramente incompatíbel coa realización de actividades mercantís, sexan ou non remuneradas, tal e como sinala o art. 75.1 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local.

As nacionalistas tamén lle piden explicacións ao Sr. Negreira sobre a ocultación do cargo da Sra. Ana Fernández como membro do Consello de Administración da citada empresa no apartado de “Actividades ou ocupacións mercantís ou industriais” da declaración de bens e intereses colgada na web do Concello da Coruña.

 

A edila de Cultura segue a incorrer en incompatibilidade por ser conselleira dunha empresa