O BNG conmemora o #25N coa campaña "Abre os cadeados. Se te amarran, non te queren"
A Coruña, 25 novembro de 2014- Nun momento en que o machismo está absolutamente naturalizado na sociedade e, especialmente, entre a xente moza, o Bloque Nacionalista Galego da comarca da Coruña emprendeu a campaña de concienciación contra a violencia machista Abre os cadeados. Se te amarran, non te queren. Trátase dunha campaña a pé de rúa, nas redes sociais e nas institucións que pon o acento non só na loita contra as agresións físicas, senón tamén en todos os compoñentes, tanxíbeis ou non, que reproducen situacións de violencia en todos os ámbitos da nosa vida.
Con esta campaña, as nacionalistas queren explicar que a violencia machista case nunca empeza pola agresión física, senón pola verbal, pola psicolóxica, por xerar relacións de dependencia na que se prima a superioridade do home. Neste contexto, reivindican o desenvolvemento inmediato da lei galega de tratamento e prevención da violencia machista, así como medidas específicas na concienciación social para avanzar na ruptura das desigualdades e na eliminación da violencia contra as mulleres.
Na mesma liña, o BNG salienta que os poderes públicos deben ter como prioridade desenvolver a todos os niveis unha cultura que combata a violencia contra as mulleres e que envolva toda a sociedade, porque hai formas de micromachismo que pasan desapercibidas pero que son o xerme de situacións que mesmo acaban no asasinato.
Actos do BNG na Coruña
No marco da citada campaña, a comisión de Acción Feminista do BNG da comarca da Coruña convocou para esta tarde, ás 20.30h nos soportais do Teatro Rosalía, un acto de carácter creativo co que as nacionalistas amosarán a súa solidariedade con Dani Carballada e David Neira, os compañeiros xulgados por realizaren un mural no que se reivindicaba o dereito das mulleres a elixiren cando ser nais.
Este acto terá continuidade mañá, mércores, cunha concentración ao pé dos Xulgados (rúa Monforte) ás 10h, concidindo co xuízo de Dani e David, identificados pola Garda Civil tras facer un mural contra a reforma do aborto promovida por Gallardón.
O BNG non participou no acto de lavado de conciencia convocado polo Goberno local
Máis un ano, o Grupo Municipal do BNG non asistiu ao acto protocolario organizado polo Goberno do Sr. Negreira na praza de María Pita por ser un lavado de conciencia de quen ten a obriga de defender as mulleres e non o fai. As nacionalistas adoptaron a decisión de non participar nos actos institucionais convocado nestes últimos anos polo Goberno do Sr. Negreira logo dos sucesivos recortes do PP contra as políticas de igualdade.