RESPOSTA DO GOBERNO DO ESTADO A UNHA PREGUNTA DE NÉSTOR REGO
A documentación da Xunta sobre a pasarela é "moi básica" e ten unha "escasa definición e entidade"
O Goberno do Estado respondeu, cun breve escrito, o pasado 8 de xuño, consignando unicamente que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), organismo estatal que tería que autorizar o proxecto por este afectar os camiños de ferro, non tiña constancia “de ter recibido ningunha solicitude nin consulta ao respecto”.
Mais o Goberno do Estado, con data do 5 de xullo, animouse a completar a información e, nunha ampliación da resposta, indica agora que tampouco o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten constancia da existencia de tal proxecto.
Si que houbo, porén, un primeiro encontro entre as dúas administracións. En concreto, relata o Goberno na súa resposta, houbo unha “primeira toma de contacto” o 2 de maio de 2022 nas oficinas da Demarcación de Costas de Galiza na Coruña con “representantes da Axencia Galega de Infraestruturas”.
Nese encontro, a Xunta entregou unha primeira documentación á Demarcación de Costas. A valoración do Goberno do Estado é que esa documentación é moi “básica”, consiste “nun breve informe técnico e outro ambiental” e nela transmítese, pero sen a xustificar, a idea de “atravesar mediante unha pasarela desde a beira litoral da Coruña até a praia de Santa Cristina”. Na información da Xunta tampouco se contempla “a necesidade de adecuación, quer do proxecto que se pretende desenvolver quer da súa tramitación, aos requisitos que ao efecto se estabelecen na vixente Lei de Costas”.
Nin o ADIF nin o Ministerio para a Transición Ecolóxica teñen constancia da existencia do proxecto, asegura a Administración central
O Goberno do Estado esténdese sobre un asunto, o de que a “tramitación de calquera actuación no dominio público marítimo terrestre debe adecuarse aos requisitos que a dito efecto se estabelecen na lexislación sectorial de costas”. E nese sentido remarca que “dentro do trámite concesional, resultaría preceptiva a solicitude de informe aos Concellos sobre os que incide dita infraestrutura, Oleiros e A Coruña”.
A Xunta debería demostrar, cousa que non fai coa documentación achegada até o momento, que a súa proposta “é a mellor opción a respecto do dominio público marítimo terrestre” e que, por tanto, non existen alternativas “que supoñan menor afección e impacto”, conclúe o Goberno central na súa resposta ao BNG no Congreso.
.