A diferenza da veciñanza, os promotores do Ofimático volven saír gañando na modificación do plan
A Coruña, a 16 de decembro de 2014. Da lectura do informe municipal de alegacións á segunda información pública de modificación do plan parcial do sector 10 Parque Ofimático, pode comprobarse como as 28 alegacións presentadas teñen moi diferente resposta, especialmente no caso das grandes promotoras, que saen gañando de novo con esta modificación puntual do plan parcial do Ofimático ao veren estimadas case a totalidade das súas alegacións, a diferenza do que sucede coas alegacións dos veciños de Elviña.
Alén da "coincidencia" de ser á entidade á quen o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña dálle a razón, anulando o expediente de contratación das obras de urbanización do parque Ofimático, a Asociación Parque Ofimático 2010 ve estimadas por parte do Goberno Local a maior parte das súas alegacións (coa referencia "alegación número 16" no informe municipal), que teñen certa trascendencia, especialmente no relativo á remisión a Estudos de Detalle na ordenación de volumes e á posibilidade de cubrir parcialmente dos camiños de ferro para favorecer varias parcelas da súa propiedade.
Entre outras, igualmente saen moi beneficiadas entidades tales como Urbanizadora Herculina de Ángel Jove ("alegación número 22"), no que ten a ver o acceso ao garaxe modificando a tipoloxía da edificación, Xestur ("alegación número 21"), no que ten a ver coa rebaixa de rasantes da súa parcela Z-14, e Acciona ("alegación número 27"), no que ten a ver co aparcadoiro soterrado.