JORQUERA, SOBRE AS DECLARACIÓNS DO PRESIDENTE DE PORTOS DO ESTADO

"Dicir que hai que vender activos é tanto como dicir que hai que dar un pelotazo no porto"

Vista aerea do porto da Coruña cos peiraos de Calvo Sotelo e de Bateria
O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, sae ao paso das declaracións feitas polo presidente de Portos do Estado, Francisco Toledo, en que este alto cargo da Administración central avogaba pola venda de activos por parte da Autoridade Portuaria da Coruña.
"Dicir que hai que vender activos é tanto como dicir que hai que dar un pelotazo no porto"

“Desde o BNG rexeitamos rotundamente estas declaracións. Dicir que hai que vender activos do porto é o mesmo que dicir que hai que dar un pelotazo urbanístico no porto, que hai que especular cos seus terreos”, considera Jorquera.

A solución non está na privatización do porto, senón en mobilizar recursos públicos para transformar os terreos da dársena interior unha vez que se complete o traslado de actividades a Punta Langosteira.

“O presidente de Portos do Estado insiste en que a débeda non se pode condonar. Pois ben, hai unha solución alternativa que o BNG puxo sobre a mesa. A de o Estado investir na transformación dos terreos portuarios unha cantidade, 200 millóns de euros, equivalente a ese débito. Esa solución é perfectamente viábel. Só ten que haber vontade política por parte do Estado, como a houbo en Valéncia”, alega Jorquera.

“O presidente de Portos do Estado insiste en que a débeda non se pode condonar. Pois ben, hai unha solución alternativa que o BNG puxo sobre a mesa".

“O que é impresentábel é que por unha banda se poña en dúbida a viabilidade do enlace ferroviario a Punta Langosteira, imprescindíbel para acometer a transformación dos terreos do porto interior, e ao mesmo tempo se mostre vontade de perpetrar un gran pelotazo urbanístico. Esa pretensión vai contar coa oposición máis rotunda por parte do BNG e desde logo ímoslle preguntar ao Goberno Local que pensa ao respecto no Pleno do próximo xoves 4M”, anunciou o voceiro nacionalista.

Jorquera subliñou que o BNG é tamén “moi crítico” coa xestión feita ao longo dos últimos anos por parte da Autoridade Portuaria. “Houbo unha evidente perda de tráficos, derivada dunha aposta equivocada polo monocultivo dos cruceiros, desatendendo outras actividades básicas. Hai que ir a unha clara mudanza na xestión. O porto ten que continuar a ser un dos motores da economía local. Ten que captar e diversificar tráficos. Mais para iso é preciso que o Estado cumpra os seus deberes, que financie o enlace ferroviario e a transformación urbana dos peiraos interiores e que, desde logo, evite caer en calquera tentación especulativa”, conclúe.

 

 

"Dicir que hai que vender activos é tanto como dicir que hai que dar un pelotazo no porto"