PATRIMONIO
O deterioro de parte das Casas de Paredes ao Pleno de abril
Trasladaremos ao vindeiro Pleno a nosa preocupación pola situación do edificio do número 29 da avenida da Mariña pertencente ao conxunto das Casas de Paredes
O deterioro desta parte do conxunto das Casas de Paredes, declarado BIC, patrimonio inmaterial da Coruña, é evidente e preguntaremos que medidas vai tomar o Goberno municipal para evitar unha situación irreversíbel
Vimos de presentar unha iniciativa (podes vela premendo aquí) na que amosamos a nosa preocupación pola situación actual do edificio a altura do número 29 da avenida da Mariña pertencente ao conxunto das Casas de Paredes.
Deste xeito, trasladaremos ao vindeiro Pleno varias preguntas co obxecto de saber se a situación desta parte do emblemático edificio da fachada marítima coruñesa é coñecida polo Executivo local e se se lle está a facer seguimento.
Lembramos que este conxunto de edificios constituíu, na nosa cidade, o primeiro intento de superación do individualismo residencial e inspirouse no urbanismo portuario francés da época (finais do século XVIII), nomeadamente de Toulousse, Nantes ou Burdeos.
Esta obra, paradigma do urbanismo ilustrado na nosa cidade, naceu dun proxecto de intervención unitaria que quería abarcar os 300 metros desde a rúa Agar ate o Cantón, mais por ambicioso e polos custes que representou para a época quedou inacabado, dando lugar á configuración característica que pervive hoxe en día, coa calexa da Estacada “interrumpindo”, precisamente á altura deste número 29 da avenida da Mariña, ao conxunto das Casas de Paredes.
É por iso que advertimos que, tanto o edificio en cuestión, o situado na altura do número 29, coma a liña de edificios, que ocupan desde a rúa Real numero 1, o lateral enteiro da rúa Agar, así como o frontal da avenida da Mariña, están declarados Ben de Interese Cultural, individualmente e como Conxunto Histórico, constituíndose nun conxunto de valor inmaterial, sendo un dos bens máis representativos da antiga fachada marítima portuaria e perfil costeiro da nosa cidade, ademais de formar parte xa da identidade urbanística colectiva da Coruña.
Por todo isto preocúpanos moito a situación actual, xa que logo o deterioro é notorio e moi alarmante. A simple vista, a pe de rúa, pódese observar como a estrutura interior case está completamente desaparecida, e como a fachada está apuntalada, presentando unha aparente situación definitiva. Queremos saber que está facendo o Executivo local, se hai un seguimento da situación desta parte do edificio, se existe algún informe a respecto da súa situación actual, estado do seu interior, fachada e posíbel risco dun deterioro irreversíbel, e que medidas pensa levar a cabo a concellaría de Rexeneración Urbana para recuperar a edificación.
A Coruña, 1 de abril de 2017