MOBILIDADE

Desestimado o recurso da Compañía de Tranvías que vai facer o Goberno da Marea? Propoñemos xestión pública municipal

Buses da Compañía de tranvías diante do edificio do Concello
Buses da Compañía de tranvías diante do edificio do Concello

Desde o BNG reclamamos que a xestión do transporte na nosa cidade sexa público: polo ben do Servizo, para ofrecer un transporte útil, asequíbel, áxil que atenda o perfil de persoa usuaria do autobús, fortemente feminizado e precarizado. Cremos que a xestión privada por parte dunha empresa como a Compañía de Tranvías só ten servido para encher os seus propios petos que só desde 2009 ten gañado 24,5 millóns de euros en beneficios

Para nós o remate da concesión da Compañía de Tranvías, por aplicación dunha norma europea, é unha oportunidade histórica derivada na nosa cidade para que mudar dun xeito radical o transporte e a mobilidade na Coruña

Toda vez que se desestima o recurso de reposición da Compañía de Tranvías e que un ano antes de comezar co proceso de licitación ou de iniciar a xestión pública o Goberno Local ten que informar en Europa do modelo de xestión polo que se rexerá o transporte da cidade, tócalle agora á Marea Atlántica definirse e decidir se quere que a xente da Coruña volva sufrir un transporte público xestionado por unha empresa privada ou un transporte xestionado directamente e deseñado en función dos intereses das coruñesas e dos coruñeses

Desestimado o recurso da Compañía de Tranvías que vai facer o Goberno da Marea? Propoñemos xestión pública municipal

Entendemos, despois de se facer público que mañá a Xunta de Goberno desestimará, e previa consulta a Bruxelas, o recurso de reposición da Compañía de Tranvías interpuxo tras a aplicación en decembro pasado do Regulamento CE 1370/2007, e que deu lugar a extinción da concesión administrativa do Servizo de Transporte Colectivo de Viaxeiros na nosa cidade, que chegou xa o momento de que o Goberno municipal explique que modelo de mobilidade quere para a cidade.

E é que, precisamente tras coñecerse esta extinción a finais do ano pasado, presentamos unha moción na que se instaba o Executivo local a adoptar as medidas necesarias para que o transporte colectivo na Coruña fose de xestión pública municipal.

Así, tal e como fixemos en decembro do ano pasado, na moción rexeitada polo Goberno municipal, instamos, de novo, a que o Executivo local realice os estudos e informes necesarios para a xestión pública municipal do servizo de transporte colectivo de viaxeiros, atendendo ao perfil de persoa usuaria do autobús, fortemente feminizado e precarizado.

A desestimación das alegacións presentadas polo Compañía de Tranvías implica que antes de finais deste ano o Goberno municipal deberá xa ter adoptadas as medidas necesaria para que o servizo estea garantido ao remate da prórroga concedida pola propia Xunta de Goberno, e que expira a 1 de decembro de 2018, polo que urximos ao Executivo a que faga pública as opcións que baralla e se ten tomada xa algunha decisión.

Neste sentido, advertimos que non sería necesaria unha nova licitación do servizo se o Goberno da Marea entende como prioritaria a xestión pública municipal, polo que sería xa preciso que se estableceran os mecanismos necesarios e se realizaran os informes e estudos oportunos para iniciar este proceso.

Desde o BNG, entendemos que estamos ante unha oportunidade histórica para que o Goberno da Marea abra a posibilidade de mudar dun xeito transformador a mobilidade na Coruña e para establecer un novo modelo de xestión do transporte colectivo, que pasaría pola xestión pública municipal. Suporía xestionar de xeito directo o prezo do billete, mellorar as infraestruturas, paradas, marquesiñas, autobuses etc, mellorar as rutas, frecuencias e horarios, que permitan que as coruñesas e os coruñeses non precisen empregar o coche para ir traballar ou para facer a súa vida diaria e para implementar bonificacións que fagan máis accesíbel economicamente e compensen a utilización do transporte colectivo fronte ao privado, e mesmo para implementar medios de transporte alternativos para non limitármonos o servizo de autobús. Estamos ante unha posibilidade de, por fin, facer unha política transformadora, cousa que até o momento o Goberno Local non fixo en materia de mobilidade.

A Coruña, 1 de xuño de 2017.

 

Noticias relacionadas.

Desestimado o recurso da Compañía de Tranvías que vai facer o Goberno da Marea? Propoñemos xestión pública municipal