O BNG esixe modificar a fórmula perversa de cálculo do prezo do billete do bus
A Coruña, 5 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pregúntase como se atreven a Compañía de Tranvías e mais o Goberno do Sr. Negreira a volver subir as tarifas do autobús no contexto de empobrecemento que está a sufrir a meirande parte do pobo. O BNG insiste en reclamar a revisión da concesión da Compañía de Tranvías, nomeadamente, da fórmula polinómica de cálculo das tarifas, unha fórmula que os nacionalistas cualifican de "perversa". E é que se o Goberno municipal non corrixe esta fórmula, todos os anos vai subir o billete do bus.
A chamada fórmula polinómica calcúlase en función do incremento destas cinco variábeis: custo salarial, custo dos combustíbeis, amortecemento de vehículos, IPC e beneficio industrial. Así, nin se teñen en conta as subvencións outorgadas polo Concello da Coruña á Compañía de Tranvías nin a estrutura de gastos de explotación da empresa. Deste xeito, o aumento dos prezos é automático. De aí que o BNG insista en que a solución pasa por modificar a fórmula de cálculo das tarifas para que se compute o beneficio de explotación da empresa (4,18 millóns no 2011) e as subvencións que lle dá o concello (7,85 millóns no 2011).