INICIATIVA PARA O PLENO DO 10M
8M: o BNG pídelle ao Goberno Local que elabore de vez o Plan Municipal de Igualdade
A concelleira do BNG Avia Veira defenderá no Pleno do vindeiro xoves 10 de marzo unha moción sobre o 8M -Día Internacional das Mulleres Traballadoras-, unha iniciativa por medio da cal, e entre outras medidas, demanda do Goberno Local a inmediata elaboración dun Plan Municipal de Igualdade.
Neste momento, o Concello da Coruña carece dun plan de igualdade para o seu cadro de persoal –até a Inspección de Traballo lle ten requirido formalmente que se dote del-, mais tampouco posúe un Plan Municipal que dea coherencia ás distintas políticas de igualdade que, con impacto na sociedade, se promovan desde a Administración local.
Veira pídelle tamén ao Goberno Local que impulse a realización dun estudo sobre a fenda salarial e as condicións laborais en que se achan as mulleres que traballan nas distintas empresas adxudicatarias e concesionarias do Concello. Un estudo visando que se vaian atallando as distintas formas de discriminación.
Igualmente, a concelleira nacionalista insta o Goberno Local a que convoque o Consello Municipal de Igualdade con vistas a que este cumpra con todas as funcións que lle encomenda a Ordenanza Municipal de Igualdade na Diversidade.
A iniciativa do BNG persegue tamén o apoio do Pleno da Corporación ás convocatorias do feminismo galego neste 2022, dirixidas a pór o foco ao agravamento da discriminación que sofren as mulleres –nomeadamente nas esferas económica, social e laboral- como consecuencia do impacto da pandemia.
Tamén hai emprazamentos á Xunta e ao Goberno central. Ao executivo galego o BNG pídelle que elabore unha nova Lei de Igualdade que substitúa a 7/2004 para a adaptar á realidade do século XXI e ás demandas do movemento feminista, atendendo, de maneira específica, ao fomento da corresponsabilidade.
Canto ao Goberno estatal, o BNG pídelle que non continúe a demorar a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT e atenda as demandas dos colectivos de traballadoras do fogar para avanzar na súa dignificación e protección.