Debe ser o Estado quen financie as obras de reparación do cárcere, tal e como obriga a lei
A Coruña, 15 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG empraza o Goberno do Sr. Negreira a lle esixir ao Estado o cumprimento das súas obrigas legais respecto á conservación do cárcere e advirte de que o Concello da Coruña perdería economicamente se o Estado non asume os custes das obras de reparación e de mantemento. As nacionalistas sinalan que o gran beneficiado da operación é o Estado que, aínda que deixará de ingresar un total de 1.122.772 euros que non lle correspondían, seguirá a disfrutar da entrega dunha parcela municipal de balde (onde se atopa hoxe en día o Centro de Inserción Social), valorada en 2.200.000 euros no convenio asinado por Paco Vázquez no 2005, e deixará de financiar as obras de conservación. Só o arranxo do tellado, lembran as nacionalistas, ascende a 1 millón de euros.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG solicítalle ao Goberno do Sr. Negreira que no novo convenio incorpore unha cláusula específica que esixa que o Estado cumpra coa obriga legal de manter o edificio en mínimas condicións de acceso e uso mentres non se faga efectiva a devolución dos terreos ao Concello. Aluden as nacionalistas ao desleixo do Goberno central, que leva a que o inmoble da antiga prisión presente unha imaxe de deterioro importante, tal e como cualifica a situación do antigo cárcere o propio Goberno municipal no expediente que foi onte á Xunta de Goberno Local. Insisten en alertar de que o Concello sairía perdendo se non asume o Estado os custes das obras de reparación e mantemento.
O BNG reivindica que o edificio do cárcere sexa un espazo aberto para o pobo e defende que sexan os axentes culturais, sociais, veciñais e educativos os que teñan a capacidade de decisión
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG insta o Goberno do Sr. Negreira a clarexar que usos vai darlle ao inmoble do antigo cárcere provincial, uns usos que, en todo caso, deben destinarse á cidadanía. E é que o BNG reivindicou sempre que o edificio debe abrirse ao pobo e ao barrio de Monte Alto para acoller servizos socioculturais, para a mocidade e mesmo para a un centro de interpretación en relación á memoria histórica, dada a represión que se sufriu neste cárcere.
Ademais, as nacionalistas pídenlle ao Goberno municipal que teña en conta as entidades que máis traballaron ao redor do cárcere; é dicir, o colectivo Proxecto Cárcere e mais a Asociación Veciñal das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules. Na liña da participación, o BNG aposta por fórmulas que lle ceda o protagonismo e a capacidade de decisión aos axentes cultuais, veciñais, sociais e educativos.
O Grupo Municipal do BNG lembra que xa a finais de 2011 formulou en sesión plenaria unha pregunta oral para coñecer os usos que o Goberno do Sr. Negreira prevía darlle ao edificio do cárcere, unha pregunta que evitou responder, como tampouco foron respondidas as preguntas escritas do BNG tanto no 2012 como hai escasas semanas.