O BNG xa demandara a solicitude de reversión dos terreos do cárcere
A Coruña, 14 de xuño de 2013.- O Goberno do Sr. Negreira inclúe a intención de solicitar a reversión dos terreos do antigo cárcere provincial na proposta de actuación en relación co convenio de permuta da antiga prisión, proposta que foi aprobada esta mañá en Xunta de Goberno Local.
O Grupo Municipal do BNG xa lle demandara ao Goberno do Sr. Negreira na sesión plenaria da semana pasada (achégase a nota emitida polo BNG o propio 06.06.2013) a necesidade de incluír a solicitude de reversión dos terreos, precisamente porque na moción aprobada por unanimidade non se citaba a solicitude de reversión, indicándolle, ademais, que a reversión tiña un prazo de caducidade para o seu exercicio. As nacionalistas advertíronlle neste Pleno e volven advertirlle ao Goberno do Sr. Negreira que existe un prazo para solicitar a reversión, de modo que debería ter en conta moi ben o cómputo dos prazos para que non lle pase como aconteceu no caso dos terreos do cuartel da Agrela, onde lle venceu o prazo.
Ademais, as nacionalistas lembráronlle ao Goberno municipal na sesión plenaria do xoves da semana pasada que o BNG xa se manifestara en contra do convenio asinado no 2005 por Paco Vázquez (cuxo nome segue omitindo o PP como principal responsábel no mesmo) no Pleno de 19.12.2005. Neste Pleno de 2005, o Grupo Municipal do BNG consideraba que este convenio era un dispendio, porque implicaba a obriga de pagar algo que non lle correspondía ao Concello da Coruña para recuperar uns terreos que lle eran propios, mais tamén que era un convenio ilegal pola forma de tramitarse e polo seu contido (achégase copia da acta do Pleno do 19.12.2013 e voto particular presentado polo BNG contra o convenio).
Malia recoñecer expresamente o deterioro importante do edificio, o Goberno municipal non lle esixe ao Estado a obriga de manter o inmoble nunhas mínimas condicións mentres negocia co Estado as condicións da devolución
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG lamenta que, malia recoñer expresamente no expediente o deterioro importante do inmoble, o Goberno do Sr. Negreira non lle esixe ao Estado a obriga de manter o edificio nunhas mínimas condicións de acceso e uso, tal e como obriga a normativa urbanística, mentres que os terreos non volvan a mans do Concello.
Precisamente por iso, as nacionalistas consideran que no novo convenio que o Goberno municipal pretende negociar debe quedar moi claro, nunha cláusula, que o Estado ten que asumir o financiamento das obras necesarias para acabar co deterioro en que se atopa o cárcere porque é a súa obriga legal, tal e como lle vén reclamando o BNG. Do contrario, o Concello da Coruña seguiría perdendo, dado que deixaría de pagar os 1,2 millóns de euros pero tería que asumir os custos de rehabilitación, que só para o arranxo do tellado supón unha cantidade de 1 millón de euros.