"QUEREMOS LIDERAR A CORUÑA"

No debate da TVG, Jorquera mostra a ambición do proxecto do BNG para a cidade

Debate TVG
Debate TVG
Unha cidade metropolitana con vocación de ser motor económico e capital cultural do país. Ese é en esencia o proxecto de cidade que debullou o candidato do BNG á Alcaldía no debate da TVG. Jorquera defendeu con firmeza as súas posicións, mais á vez mostrou mesura e serenidade fronte a un candidato do PP que, visibelmente nervoso, o interrompeu en varias ocasións e unha candidata do PSOE que se limitou a facer un exercicio de autocompracencia.
No debate da TVG, Jorquera mostra a ambición do proxecto do BNG para a cidade

"A escolla o 28 de maio non pode ser retornar ao pasado, a un modelo de cidade superado como o que representa o PP, nin tampouco pode ser apostar polo continuismo esgotado dun Goberno Local máis pendente das fotos e dos titulares, de resolver os seus problemas internos, do que de atender as necesidades da cidade no día a día", dixo Jorquera na súa primeira intervención no debate.

Por tanto, nin continuismo nin volta ao pasado: o que A Coruña precisa é un "cambio de rumbo". "E sinceramente estou convencido de que o BNG é quen está en condicións de garantir ese cambio de rumbo".

"Nestes catro anos non fomos noticia, a dfierenza doutros grupos, polas divisións e liortas. Fomos noticia polo noso traballo e polas nosas propostas", remarcou.

undefined
Jorquera, durante o debate

A análise de Jorquera é que nos últimos 12 anos A Coruña experimentou gobernos liderados por partidos de distinto signo. "Infelizmente ningún foi capaz de lle devolver á Coruña o impulso que a cidade necesita", indicou, o que o leva a considerar que "sinceramente, é hora de darlle unha oportunidade ao BNG".

Unha oportunidade para despregar un proxecto de cidade de que as demais forzas políticas carecen, expresou. "Unha cidade con vocación metropolitana e de ser o motor económico de Galiza. Que recupere a vitalidade do seu pequeno comercio. Que poña os barrios no centro das políticas municipais. Cun Concello que dinamice a economía local. Unha Coruña na que estea garantido o acceso á vivenda, modelo de calidade urbana e cun novo concepto da mobilidade. Unha Coruña verde, inclusiva e cohesionada. Unha Coruña creativa, referente cultural para todo o país", recapitulou.

Un proxecto de cidade que ten un aval, o das experiencias exitosas de distintos gobernos locais do BNG espallados polo país adiante. "Os concellos gobernados polo BNG son recoñecidos como un exemplo de boas prácticas municipais. Somos a candidatura capaz de lle imprimir á Coruña o cambio de rumbo que lle devolva todo o impulso que necesita", dixo.

"Porque A Coruña merece máis", concluíu.

 

No debate da TVG, Jorquera mostra a ambición do proxecto do BNG para a cidade