Os datos do paro de agosto evidencian que hai menos contratación e ademais esta é precaria
A Coruña, 2 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que os datos das persoas demandantes de emprego, paro, contratos e prestacións por desemprego do mes de agosto dados a coñecer hoxe polo Ministerio evidencian que hai menos contratación e ademais esta é precaria.
Así, os datos sinalan que durante o mes de agosto houbo 29.470 contratos na provincia da Coruña, 6.193 menos que no mes de xullo, dos cales 27.559 foron temporais e 1.911 indefinidos, representando estes últimos tan só o 6,5% da contratación realizada durante o pasado mes.
As cifras poñen de manifesto, máis unha vez, que a precariedade na contratación na provincia da Coruña é a tónica xeral, xa que o 93,5% dos contratos son temporais, conlevando que, cada vez máis, unha maioría de persoas entran e saen do mercado laboral con condicións salariais e laborais crecentemente precarizadas, cuns contratos de curta duración e de mala calidade, o que está a provocar un maior empobrecemento da poboación. Ademais, sinalan as nacionalistas, só o 6,5 % dos contratos de agosto son indefinidos, contratos estes últimos que as últimas reformas laborais fixeron tamén que sexan precarios.
O deterioramento do mercado laboral na Coruña é unha evidencia que non o pode desmentir o Goberno do Sr. Negreira, salientan as nacionalistas, que denuncian que segue a acrecentar o desemprego entre as mulleres da cidade da Coruña. Así durante o mes de agosto houbo 52 mulleres desempregadas máis, pasando a ser un total de 11.292, concretamente o 53,5% das persoas desempregadas na cidade.
E isto, salientan as nacionalistas, sen pasar por alto que as cifras non reflicten a emigración, xa que segue a medrar o número de coruñesas e coruñeses que deixan a cidade para traballar no estranxeiro, e as persoas que estando no paro deixan de apuntarse ás listaxes do desemprego desanimadas por non dar encontrado traballo.