INTERVENCIÓN DE AVIA VEIRA NO #PLENOEXTRAORDINARIO
Damos a benvida ao Consello Municipal de Cultura e faremos achegas para mellorar o seu regulamento
O BNG saúda a creación deste órgano –de feito reclamouna a través dunha moción que foi aprobada polo Pleno en novembro de 2020-, mais considera que o regulamento fica curto e é “insuficiente” para ser unha eficaz ferramenta de diálogo e encontro entre o Concello e os sectores culturais da cidade, explicou na súa intervención a concelleira Avia Veira.
“O regulamento que hoxe se nos trae aquí é insuficiente ao noso xuízo: se o espazo ten que ser de diálogo e de encontro, entendemos que a periodicidade anual fica curta. Nós consideramos que o Pleno do Consello Municipal ten que se reunir mínimo dúas veces ao ano”, esclareceu a concelleira nacionalista.
Veira criticou a “exclusión” do BNG do proceso de tramitación deste regulamento. Exclusión especialmente inxustificada dado que o Bloque foi impulsor da creación deste órgano –a través da moción devandita, mais tamén por medio da Comisión de Seguimento do Acordo de Investidura constituída polo grupo municipal nacionalista e polo socialista.
“Saudamos a creación do Consello Municipal da Cultura. De feito reclamamos a súa constitución nunha moción nosa que foi aprobada polo Pleno do Concello hai 21 meses”, sinala Avia Veira
Nese sentido, censurou que a aprobación inicial pasase pola Comisión de Facenda, presidida polo portavoz do Goberno Local, e non pola da Cultura: “Será porque [esta última] a preside o BNG. Até este extremo chega a exclusión do BNG do proceso de impulso, elaboración e trámite deste regulamento que lle foi presentado ás entidades do tecido cultural da cidade hai practicamente catro meses”. Esa presentación protagonizárona o PSOE e a Marea Atlántica, “non se sabe en calidade de que e nun acto ao que non fomos convidados os grupos da oposición”, remarcou.
Canto ás insuficiencias do regulamento, sinalou que é “excesivamente paralelo a outros” e que “non reflicte a realidade e a complexidade da cultura e dos sectores culturais”, sendo que na conformación do Pleno hai ausencias significativas: “Faltan integrantes no Pleno do Consello para acadar o obxectivo de ser verdadeiramente un lugar de diálogo e encontro da Administración Local e a Cultura”, precisou.
E indo xa ao detalle, ao BNG parécelle ben que estea o IMCE, “mais cremos que do mesmo xeito deberían estar o Instituto José Cornide e a Fundación Luís Seoane”. Outras ausencias, as persoas responsábeis do Servizo Municipal de Bibliotecas, do Servizo Municipal de Cultura dos Museos Científicos, das Casas Museo e do Arquivo Histórico, da Banda Municipal de Música, da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Escola Municipal de Música.
“Fai falla no Goberno Local, unha persoa, unha responsábel política, que se dedique a pleno rendemento, en exclusividade, á Cultura”
E faltan tamén “institucións con sede na cidade que teñen moito a dicir: a Real Academia Galega, a Escola de Arte Superior e Deseño Pablo Picasso, o Conservatorio de Música, o Conservatorio de Danza ou o Arquivo do Reino da Galiza”.
Nas súas achegas, o BNG por tanto propón duplicar a periodicidade de reunións do Pleno do Consello e incorporar a este órgano as entidades devanditas.
Sempre levando moi en conta que a creación do Consello Municipal “non ocupa todo o oco existente” nunha política cultural do Concello que, de acordo coa avaliación do BNG, deixa moito que desexar.
É un paso positivo, mais coa súa constitución non se cura “a ausencia de ambición do Goberno Local” en materia de política cultural. “Gabábanse no Pleno anterior de A Coruña ser unha cidade atractora de grandes eventos (atractoras porque todos lle veñen feitos), mais non foron quen de poñer en marcha ningún grande evento arredor de, por exemplo, as artes plásticas, das escénicas ou o libro”.
A simple constitución do CMC “non soluciona o descabezamento do Museo Arqueolóxico e o Instituto José Cornide, a ausencia dunha persoa dedicada en exclusiva á dirección do Teatro Colón, a incapacidade para cubrir a Dirección da Banda Municipal de Música, o feito de a Orquestra Sinfónica de Galiza comezar a temporada sen dirección ou a non presenza da Coruña na programación estatal do Ano Picasso”.
A constitución do Consello Municipal da Cultura non “cura” a “ausencia de ambición” do Goberno Local nesta materia
Tampouco resolve a falta de liderado en política cultural desde o Concello. “Fai falla no Goberno Local unha persoa, unha responsábel política, que se dedique a pleno rendemento, en exclusividade, a ela”, analizou.
Remarcou Veira que “a cultura artella a nosa sociedade e, por se isto non for abondo para alguén, tamén é un relevante sector económico”. “A nosa é unha cidade creativa. Ten todos os trazos para se erixir en capital cultural da Galiza, mais para iso é preciso crer nas potencialidades que A Coruña ten”, concluíu.