O BNG abstense no IMCE ao non se contemplar o pagamento de todas as facturas pendentes
Ese crédito extraordinario -de 2,5 millóns de euros- iría destinado a pagar facturas pendentes de 2023, a máis antiga, do mes de maio.
A abstención do BNG non prexulga o sentido do voto do grupo municipal nacionalista cando o asunto chegue ao Pleno.
“Abstivémonos tendo en conta o informe da Intervención, que é desfavorábel e en espera dun informe preceptivo da Asesoría Xurídica que non se nos entregou”, afirma Queixas, quen salienta que o crédito extraordinario non cobre a totalidade das débedas do IMCE: “Ficaría arredor dun millón de euros pendente de pagamento”.
A Intervención advirte tamén que a xestión do IMCE ten sido irregular ao se ter comprometido gastos sen existir “crédito adecuado e suficiente” para os financiar.
“Preocúpanos a inseguridade xurídica que rodea a xestión do IMCE e a cantidade de persoas da cultura -pequenas e medianas empresas, autónomos na súa maioría- ás que aínda se lles deben cantidades, que non cobraron aínda polo seu traballo, o que pon en risco os seus proxectos culturais e de vida”, conclúe Queixas.