Convocan un pleno extraordinario sobre a ampliación do CHUAC sen darnos tempo abondo para estudar a documentación
“Estamos a falar dun asunto moi serio ao implicar unha previsión de investimento por parte do Concello superior aos 26 millóns de euros. Non é serio que se convoque esta Comisión de Voceiros, co envío da documentación pertinente, un luns ás 20.24 horas para a realizar un martes ás 11 horas. E é aínda menos serio se temos en conta que esta mesma mañá, ás 10.40 horas, 20 minutos antes do comezo da reunión, se nos achegou máis documentación”, afirma o portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera.
“Votamos en contra da urxencia porque o Goberno Local non a xustificou debidamente. Dísenos que adquiriu coa Xunta o compromiso de votar este asunto antes de concluír o mes de xaneiro. Ben, pero iso non pode ser pretexto para facelo precipitadamente e sen permitir á oposición facer ben o seu traballo de control”, considera Jorquera. “O convenio podía ir perfectamente ao Pleno ordinario de principios de febreiro. Os efectos serían os mesmos e nós como grupo poderíamos ter estudado a documentación coa demora e a atención que esixe unha cuestión desta entidade”, engade.
Na Xunta de Portavoces, e a instancias do grupo que dá sustento ao Goberno Local, entrouse tamén a debater sobre o ditame que irá mañá a Pleno (a sesión dará comezo ás 12 horas). “Aí fixamos con clareza o noso criterio: aquí non está en cuestión se hai que ampliar ou non o hospital, senón se é razoábel que o Concello asuma o cofinanciamento dunha obra cuxa titularidade e competencia corresponde exclusivamente á Administración galega”, conclúe Jorquera.