O convenio de Cogami co Concello para os quioscos leva dez anos caducado
A Coruña, 17 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do BNG, a través da concelleira María Xosé Bravo, tivo hoxe acceso ao expediente do convenio entre o Concello e COGAMI para pór cinco quioscos-letrinas en distintos puntos da cidade. O convenio que ten data de 5 de maio de 1998 tiña de vixencia un ano e podíase prorrogar automaticamente por un período igual até un tope de cinco anos, polo que en maio de 2003 rematou a súa vixencia e por tanto leva dez anos caducado.
Segundo se recolle no convenio, COGAMI asumía o compromiso de que se cumpra a finalidade principal do devandito convenio que non é outro que a inserción laboral das persoas discapacitadas físicas. Lembran, as nacionalistas, que esta entidade, COGAMI vén de despedir a 28 persoas da Rede galega de quioscos, 8 delas na cidade da Coruña, o dez por cento da plantilla, sen alegar na maioría dos casos ningún motivo. Outra das obrigas desta entidade do terceiro sector no convenio, era que os quioscos debían estar abertos de 8 a 22 horas, en horario continuado. Na actualidade están pechados, ben de mañá, ou ben de tarde.
O BNG exíxelle ao alcalde que reciba as traballadoras despedidas e sente a COGAMI nunha mesa para acadar un acordo que permita que o obxectivo principal de inserción laboral de persoas con discapacidade física sexa real e efectivo e para que nestes cinco quioscos, ferramentas de integración laboral, sigan desenvolvendo o seu traballo as persoas despedidas. Así o BNG soubo que COGAMI ten solicitado o cambio de ubicación dalgún quiosco polo que lle solicita ao alcalde que sexa sensíbel ás peticións de COGAMI para lograr a maior rendibilidade destes estabelecementos mais que lle exixa á entidade social unha solución para as persoas despedidas.