A NOSA DEPUTADA MERCEDES QUEIXAS LEVA O ASUNTO
Continuamos sen ter residencias públicas da Xunta para o estudantado universitario
Así o denuncia a nosa deputada Mercedes Queixas, quen considera este feito como “inexplicábel”, o que a leva a rexistrar unha batería de iniciativas -proposición non de lei para Pleno e Comisión, interpelación, preguntas orais e por escrito.
Así, o BNG insta a Xunta a ofertar prazas en residencias publicas, rehabilitando infraestruturas existentes e creando outras novas en terreos propiedade da administración autonómica, ben como tamén a desenvolver unha bolsa de vivenda pública en réxime de aluguer na Coruña destinada ao estudantado de formación superior e constituída a través da compra, rehabilitación e construción de inmóbeis novos.
Queixas empraza igualmente a Xunta a que reserve unha parte de vivendas que se constrúan nos soares recentemente cedidos polo Concello da Coruña “para as ofertar ás e aos estudantes en réxime de aluguer e a prezos accesíbeis”.
Unha das parcelas cedidas polo Concello está situada en Xuxán, “un barrio de nova construción localizado nunha zona moi próxima ao campus universitario de Elviña, polo que sería moi importante dispor de oferta de vivenda pública de aluguer nesta contorna universitaria”.
Canto á ausencia de prazas públicas en residencias universitarias da Xunta na nosa cidade, Queixas valóraa como moi negativa, sendo que “está a condicionar, cando non impedir, o acceso a estudos profesionais superiores e á formación educativa universitaria que oferta a UDC”.
A escalada “abusiva” dos prezos e a insuficiente oferta habitacional de aluguer, combinada coa ausencia de prazas en residencias universitarias públicas, conforma un “contexto de crise extrema” que lle nega ás e aos estudantes o acceso a unha vivenda digna e, mesmo, nalgúns casos, á educación superior na cidade da Coruña, resalta Queixas.
“A Xunta ten competencias exclusivas en materia de vivenda. Tenas que exercer de vez. O seu balance na Coruña desde 2009 é paupérrimo. Cómpre unha mudanza de rumbo e non hai tempo que perder”, conclúe.