UNHA INICIATIVA DE AVIA VEIRA
Por que se deixou fóra da sesión constitutiva do Consello Local da Infancia o alumnado dos centros públicos?
A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou unha batería de preguntas por escrito en relación á constitución do Consello Local da Infancia.
Chama moito a atención que na sesión constitutiva deste novo órgano municipal participase exclusivamente alumnado pertencente a centros concertados e ficase fóra a rapazada do ensino público.
“Cal é o motivo polo que na sesión constitutiva deste órgano non participou ningún alumno nin ningunha alumna de centros públicos?”, inquire Avia Veira, quen tamén se interesar por saber que criterios irán rexer o proceso de nomeamento dos membros deste Consello Local da Infancia.
De acordo coa información fornecida pola web do Concello, o Consello Local da Infancia é un órgano participativo “integrado por alumnado de quinto e sexto ano de primaria que lles permitirá aos/ás máis pequenos/as trasladarlle ao Goberno Municipal as súas demandas e inquedanzas como cidadáns e cidadás da Coruña”,
O asunto é que na sesión constitutiva participaron 16 nenos e nenas, mais todos de centros concertados (CPR Salesianos San Juan Bosco, Colexio Franciscanas Sagrado Corazón, Colexio plurilingüe Karbo e o Colexio Santo Domingo), alén dunha representante do profesorado e doutra das familias. Tamén tiveron presenza persoas en representación de Unicef, Universidade da Coruña e da Plataforma de organización de entidades da infancia de Galiza.
O asunto é que na sesión constitutiva participaron 16 nenos e nenas, mais todos de centros concertados
Veira quere saber como se creou este Consello Local da Infancia, se existe algún decreto que regule o seu funcionamento e cal foi o criterio para escoller os centros educativos.
Critica tamén a concelleira do BNG o feito de que a constitución deste Consello Local da Infancia se fixese ás costas dos grupos municipais. “Queremos saber por que non se tivo en conta a opinión do resto dos grupos da Corporación para a constitución dun Consello que nós entendemos que vai ser moi útil porque é importante tamén ter en conta os puntos de vista das nenas e dos nenos e protexer a infancia na nosa cidade”.