MOCIÓN DO BNG PARA O PLENO 3D

O Consello Económico e Social tense que impulsar xa

Comisión Seguimento BNG-PSOE. Primeira reunión 1 de Outubro de 2019.
Reunión da Comisión de Seguimento do 1 de outubro de 2019
A pandemia puxo aínda máis en evidencia os problemas fundamentais da economía coruñesa –desindustrialización, aposta por facer da Coruña unha cidade exclusivamente de servizos, perda da condición de capital financeira da Galiza, esmorecemento do porto como motor produtivo-, polo que se torna máis urxente que nunca reaccionar desde o Concello.
O Consello Económico e Social tense que impulsar xa

Esta é a lóxica que anima o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a levar ao Pleno do vindeiro xoves unha moción que pretende outorgar ao Concello un rol decisivo no deseño de políticas que permitan superar esta situación.

En concreto, o BNG insta o Goberno Local a que impulse a creación dun Consello Económico e Social como foro de diálogo e consulta permanente cos axentes sociais e a que, ao tempo, elabore un Plan de Desenvolvemento Económico Comarcal “de xeito dialogado cos restantes concellos da área metropolitana, outras administracións, axentes sociais e a UDC”.

A pandemia da Covid19 fixo que saísen á tona, argúe Jorquera, todas as feblezas da estrutura produtiva da cidade, “froito da súa excesiva dependencia do sector servizos, o máis exposto ás secuelas económicas desta crise sanitaria”.

Así as cousas, e alén das medidas urxentes que cabe aplicar canto antes para paliar as consecuencias socio-económicas da pandemia, cómpre tamén traballarmos no “deseño dunha estratexia de futuro que aborde os problemas estruturais da economía da nosa cidade e a súa comarca”, di Jorquera.

A pandemia da Covid19 fixo que saísen á tona, argúe Jorquera, todas as feblezas da estrutura produtiva da cidade, “froito da súa excesiva dependencia do sector servizos"

Concede o portavoz nacionalista que “este obxectivo vai alén das competencias da institución municipal”, porén entende que si cabe ao Concello, na súa calidade de “institución representativa de todas as coruñesas e coruñeses”, desempeñar “un papel indutor e asumir o liderado para impulsar este proceso”.

E nese contexto é onde debe xogar un papel relevante o Consello Económico e Social cuxa creación foi acordada polo BNG e o PSdeG-PSOE nunha reunión da Comisión de Seguimento do seu Acordo de Investidura realizada en outubro de 2019.

Desde aquela altura o Goberno Local non deu pasos concretos para materializar ese compromiso, máis unha razón que empurra o BNG a trasladar esta cuestión ao Pleno deste xoves.

De resto, a moción avanza algúns dos puntos sobre os que, a xuízo da formación nacionalista, tería de gravitar o deseño dunha estratexia de economía de futuro para A Coruña, e nomeadamente entre eles a renovación e diversificación do sector industrial, o respaldo decidido á investigación e innovación, a revitalización e modernización do pequeno comercio, a promoción dunha imaxe de marca asociada á calidade dos nosos produtos do mar, a potenciación dos usos produtivos do porto, a proxección da Coruña como referencia mundial da moda galega e o impulso da economía verde, vencellada á posta en valor dos produtos da terra, o consumo responsábel e a revitalización do comercio de proximidade.

 

O Consello Económico e Social tense que impulsar xa