O Consello Consultivo dálle un tirón de orellas ao Goberno municipal polo caso Albada

O Consello Consultivo dálle un tirón de orellas ao Goberno municipal polo caso Albada

A Coruña, 2 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Consello Consultivo lle dá un bo tirón de orellas ao Goberno municipal, evidenciando a súa tramitación chapuceira no caso de Albada. É máis, o Goberno municipal, tivo que volver enviar o expediente logo de que llo devolvera o Consello Consultivo. Así, o ditame, ao que tivo acceso o BNG, sinala que a Alcaldía do Concello remitiulle o expediente ao Consello Consultivo o 26.04.2012 e que o 30.05.2012 o Consello Consultivo devolvíalle o expediente ao Concello “co fin de que incorporase a aquel unha proposta de resolución do órgano consultante na que se especificase de xeito concreto a causa de nulidade que se entendía concorría no caso”. Con data de 13.07.2012, a Xunta de Goberno Local, recolle o ditame, acordou incoar un novo procedemento de revisión de oficio.

A necesidade dunha auditoría, tal e como demandaba o BNG

O Consello Consultivo repara no que tantas veces insistiu o BNG, que o procedemento e o momento non eran os máis oportunos e que había que esperar a unha auditoría. Porque no seu ditame sinala que “bótase en falta a incorporación ao expediente dalgún estudo ou auditoría que cuestione tal imposibilidade fáctica, ou sequera sirva de sustento á tese de que o incumprimento da empresa UTE Albada da porcentaxe do 35% ofertada tivese lugar por causas a ela imputábeis”. “Mais, non existindo ningunha argumentación no expediente remitido neste sentido, non podemos senón concluír na falta de elementos de convicción que avalen a tese sostida polo concello...”, engade o ditame. E continúa, “nestas circunstancias carece, logo, de sentido, entrar a analizar a concorrencia de causa de nulidade esgrimida polo Concello da Coruña, ao non poder chegar este Consello Consultivo á conclusión de que nos atopemos ante unha modificación do contrato administrativo de razón”. Deste xeito, o Consello Consultivo informa desfavorabelmente a revisión de oficio, con carácter preceptivo e vinculante.

O BNG pide que se publiquen os resultados da auditoría, que xa os ten o Goberno municipal

Ante esta labazada do Consello Consultivo ao Goberno do Sr. Negreira, o Grupo Municipal do BNG insiste en reclamar que se fagan públicos de inmediato os resultados das auditorías, que xa están no poder do Goberno municipal, e pídelle ao Sr. Negreira que deixe de negociar coa empresa ás agachadas.

Precisamente, os nacionalistas rexistraron antonte un escrito para acceder ao informe destas auditorías co fin de coñecer os incumprimentos que hai por parte de Albada respecto do volume de tratamentos rexeitados e, deste xeito, determinaríase de que parte é responsábel a empresa e de que parte é responsábel o Concello, en función do contrato de concesión.

Aínda se está a tempo solicitar a declaración de lesividade do acordo

Por último, os nacionalistas lembran que o Goberno municipal aínda estaría a tempo de solicitar a declaración de lesividade do acordo de 8 de abril de 2011 (en base ao art.103 da Lei 30/1992) se é que segue entendendo que este acordo era incorrecto. O BNG expuxera que vía máis axeitada supuña esta declaración de lesividade do acordo (previo trámite da audiencia ao concesionario) e a súa posterior remisión ao Xulgado Contencioso para que declarase a conformidade ou non da revisión do acordo.

 

 

O Consello Consultivo dálle un tirón de orellas ao Goberno municipal polo caso Albada