Caxigal renuncia como concelleiro, cargo que será ocupado por Avia Veira
A Coruña, 31 de outubro de 2012.- O BNG anunciou en rolda de prensa na tarde de hoxe a renuncia de Xan Caxigal como concelleiro, cargo que ocupará Avia Beira, despois de que tanto Olga García como Gonzalo Flores (as seguintes persoas na lista da candidatura municipal) renunciaran a ocupar o cargo por motivos profesionais e persoais. Na rolda, ademais de Xan Caxigal, de Avia Beira e de Olga García e Gonzalo Flores, estiveron presentes o responsábel local, Raúl Fernández, o portavoz do Grupo Municipal, Xosé Manuel Carril e as concelleiras María Xosé Bravo e Ermitas Valencia.
O primeiro en intervir foi o responsábel local, Raúl Fernández, quen anunciou a renuncia de Caxigal como concelleiro por causas estritamente persoais. Explicou que xa tomara a decisión había tempo e que lle comunicara ao resto do Grupo Municipal a súa intención de deixar a acta como edil á metade da lexislatura. O adianto electoral, tal e como expuxo o responsábel local, fíxolle pensar a Caxigal que era o momento máis axeitado, ao propiciar unha renovación que fará que o BNG avance máis para poñerlle freo ás políticas antisociais do PP.
Tamén informou Raúl Iglesias de que, na tarde do martes, o Consello Local do BNG valorou moi positivamente o labor de Xan Caxigal e amosoulle o recoñecemento unánime. O responsábel local finalizou a súa intervención salientando que a de Xan Caxigal non é unha despedida, xa que seguirá formando parte do órgano de dirección do BNG na Coruña e seguirá desenvolvendo unha militancia activa.
Unha decisión tomada hai meses
Pola súa banda, Caxigal, que expresou que a súa renuncia se debe a motivos persoais e que a decisión fora adoptada había meses, puxo de manifesto que as persoas no labor institucional están de paso. Expuxo que as necesidades persoais e as circunstancias van mudando e explicou que o adianto electoral provocou que a súa decisión de renunciar como edil do BNG tamén se adiantara.
Salientou Caxigal que a organización nacionalista ten capacidade e persoal con potenciais humanos e profesionais para ocupar os postos que deixan outras persoas. A continuación, agradeceulle á cidadanía o seu apoio, así como ao Grupo Municipal, traballando sempre na procura dunha cidade mellor, e á militancia do BNG. Despois de pedir comprensión pola decisión adoptada, concluíu cun rematarei sendo galego e de clase traballadora e, como tal, seguirei militando activamente no BNG e no Consello Local. Ironizou con que seguirá a vivir, como até o de agora, na capital de Europa, en alusión á Cidade Vella da Coruña.
Carril criticou a actitude hipócrita e carroñeira do PP, que lle filtrou aos medios de comunicación a renuncia de Caxigal, que tiña previsto comunicalo en rolda de prensa ás 17h
A continuación tomou a palabra o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, quen se amosou moi crítico coa actitude hipócrita e carroñeira do Partido Popular e, nomeadamente do Goberno municipal. Explicou Carril que Caxigal presentou a súa renuncia esta mañá seguindo os cauces da legalidade institucional e de respecto á cidadanía, primeiro presentando o escrito no rexistro municipal, para comunicarllo despois a quen llo quixer comunicar e, nunha rolda de prensa prevista para as 17h, comunicaríallo aos medios de comunicación. Porén, tal e como puxo de manifesto o portavoz nacionalista, o Goberno municipal non tivo a delicadeza de respectar unha mínima lealdade e cortesía con Caxigal e que, nada máis ter coñecemento da decisión do concelleiro do BNG, filtroulles a información a algúns medios.
Un Carril visibelmente emocionado, eloxiou, a continuación, o labor de Caxigal como edil do BNG. Cualificouno como unha persoa modélica e como concelleiro e exemplar como compañeiro, ademais dunha gran persoa á que todo o Grupo Municipal aprecia e á que botará de menos. Despois de sinalar que respecta a decisión de Caxigal, Carril agradeceulles a Olga García e a Gonzalo Flores (número 5 e número 6 da candidatura) o seu apoio e presentou a futura concelleira do BNG, Avia Veira, como unha militante de Galiza Nova, de 26 anos, que, malia súa preparación e formación, esta, lamentabelmente, no desemprego, como milleiros de mozos e mozas da cidade. O portavoz nacionalista destacou que Avia Veira representa a mocidade na Coruña, que piden paso a políticas diferentes ao neoliberalismo do Partido Popular.
Por último, a propia Avia Veira sinalou que asumiría o cargo de concelleira con moita ilusión e sendo consciente da moita responsabilidade que supón representar a cidadanía. Esta moza de 26 anos, nai, desempregada, mais preparada e con formación (é Licenciada en Filoloxía, con máster de Secundaria e foi técnica de normalización lingüística), eloxiou o labor colectivo do Grupo Municipal do BNG e agradeceulle a Caxigal o seu esforzo e dedicación ao longo destes anos como concelleiro (4 anos como concelleiro de Deportes e un ano e medio como concelleiro na oposición). Despois de agradecer a confianza depositada pola militancia, Beira avanzou que o seu traballo no Grupo Municipal estará centrado, fundamentalmente, en frear os recortes do PP, que segue a se cebar coa cidadanía da Coruña. Puxo como exemplo as suba de impostos que o Goberno do Sr. Negreira aprobará, inicialmente, no Pleno ordinario que terá lugar este luns, 5 de novembro.
Precisamente, será no Pleno deste luns cando se faga efectiva a renuncia de Caxigal como concelleiro. Despois dos trámites necesarios perante a Xunta Electoral, no vindeiro Pleno ordinario de decembro, Avia Beira tomará posesión da acta de concelleira do BNG.