Confírmanse os privilexios da Autoridade Portuaria nos túneles do Parrote e da Mariña
A Coruña, 1 de agosto de 2013.- A Xunta de Goberno Local, de carácter extraordinario, que tivo lugar esta mañá vén confirmar os privilexios da Autoridade Portuaria, que non pagará nin un só peso no túnel do Parrote, malia teren lugar estas obras en terreos portuarios, e que só dedicará 2 millóns de euros do total de 18,5 millóns que custará o túnel da Mariña.
En virtude do convenio de colaboración aprobado en Xunta de Goberno Local entre a Axencia Galega de Infraestruturas, o Concello da Coruña e a Autoridade Portuaria, a Xunta de Galiza acode ao rescate dun túnel proxectado en beneficio de Copasa, empresa á que lle paga parte da estrutura do seu aparcadoiro co vial que está a construír. E acode ao rescate deste túnel, engaden as nacionalistas, para que así o Concello da Coruña poida financiar o absolutamente innecesario túnel da Mariña. De feito, o informe de Intervención afirma que se libera crédito por importe de 1.906.612,38 euros que inicialmente estarían asignados ao convenio de 23.01.2012 e que agora se pretende utilizar para o financiamento da II fase da Mariña, é dicir, o túbel da Mariña.
O cronograma de financiamento que recolle o convenio confirma, tal e como xa advertira o BNG, o atraso das obras do Parrote. Segundo a documentación, ao Concello da Coruña pagou 1,5 millóns no 2012 e pagou 593.387,62 euros a cargo dos orzamentos municipais de 2013. Pola súa banda, a Xunta de Galiza pagou 3 millóns a cargo dos orzamentos galegos e pagará 7 millóns no 2014 e 2 millóns no 2015. Lembran as nacionalistas que cronograma do convenio de 23 xaneiro de 2012 asinado entre Concello e Autoridade Portuaria contemplaba para o 2012, un gasto de 1,5 millóns; para o 2013, de 12 millóns e para o 2014, de 593.387,62 euros.
Que o convenio aprobado esta mañá en Xunta de Goberno Local recolla o groso da cantidade coa que se financiarán as obras no 2014 e que recolla 2 millóns para o 2015 pon de manifesto que as obras non rematarán en marzo de 2014, ao contrario do que veñen prometendo o Goberno municipal e mais a Autoridade Portuaria.
A Autoridade Portuaria só porá 2 millóns de euros para un túnel que lle servirá para facer negocios urbanísticos
Tamén foi á Xunta de Goberno Local desta mañá unha adenda ao convenio de colaboración entre o Concello e a Autoridade Portuaria para o desenvolvemento da mobilidade da dársena da Mariña e o Parrote, isto é, as obras do túnel da Mariña. Esta engádega ao convenio ratifica que mentres que o Concello da Coruña será quen pague 16,5 millóns dos 18,5 millóns que custará a obra (16,5 a construción do túnel e 2 millóns a urbanización da superficie), a Autoridade Portuaria pagará só 2 millóns de euros. E isto a pesar de que a Autoridade Portuaria é a grande beneficiada do túnel, xa que, grazas á superficie do viario poderá facer caixa cando os peiraos estean desafectados.
Chama a atención, sinalan as nacionalistas, o informe de Intervención municipal cando di que o Concello asume a conservación e o mantemento das obras executadas e que este coste seus efectos non se atopan valorados aos efectos do artigo 7.3 da Lei Orgánica 2/2012 de 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria, que recolle que ... los convenios de colaboración ... deberán valorar sus repercusiones y efectos y supeditarse de forma estricta al cumplimiento de las exigencias de los principios de estabilidad presupuestaria y sostenibilidad financiera.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o túnel é innecesario. E non o din as nacionalistas, dio a memoria do PEPRI, que sinala que nesta área a accesibilidade está suficientemente garantida nas condicións actuais e mesmo alude ao posíbel efecto chamada ao tráfico do túnel, ademais de advertir da inexistente conxestión viaria neste ámbito.