PRODUTO DO ACORDO CO BNG CO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA

O Concello aproba por fin unha materia pendente e dá luz verde á Ordenanza do Galego

Concentración Mesa pola Normalización Lingüística durante o Pleno de aprobación da Ordenanza do Galego. 4 de febreiro de 2021.
Unha votación histórica tivo lugar este xoves 4 de febreiro de 2021 no Pleno do Concello da Coruña. Votos a favor: PSOE, BNG, Marea Atlántica e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo. Abstención: PP. Ningún sufraxio en contra. Ficaba así aprobada a Ordenanza do Galego e púñase así fin a unha anomalía: A Coruña era até hoxe a única das 7 grandes cidades galegas que non contaba cun documento específico para regular e potenciar o uso do noso idioma na institución municipal.
O Concello aproba por fin unha materia pendente e dá luz verde á Ordenanza do Galego

A Ordenanza do Galego é produto do impulso político do BNG, que a incluíu como obxectivo no Acordo de Investidura asinado co grupo socialista en xuño de 2019. Nunha recente Comisión de Seguimento dese acordo, como tamén en preguntas orais ao Executivo coruñes, a formación nacionalista urxiu o seu traslado ao Pleno. Finalmente foi levada hoxe e dá comezo así unha nota etapa na normalización lingüística na nosa cidade.

“Hoxe é un día verdadeiramente emocionante. Hoxe corriximos un déficit histórico do Concello da Coruña co galego”, dixo Avia Veira no pórtico da súa intervención. Déficit institucional dos últimos 40 anos, que non social, “xa que a sociedade coruñesa quere o galego, fala o galego, e a historia da nosa cidade está ben ligada a fitos importantísimos da nosa lingua, tal e como se expón no limiar desta Ordenanza”, remarcou.

A Ordenanza do Galego é un logro que vén precedido por un inxente traballo, o desenvolvido ao longo de varias décadas polo corpo social que sostivo e sostén a nosa lingua e tamén por persoas concretas comprometidas co galego.

“Cómpre recoñecer a todas aquelas persoas que deron a cara polo galego, a comezar polo primeiro alcalde da cidade logo da ditadura, Domingos Merino, un alcalde que volveu traer o noso idioma a este salón de plenos”, dixo Veira, quen estendeu o recoñecemento a “Fran Rei, Xosé Manuel Carril e María do Pilar García Negro, xulgados polo que aconteceu no Pleno en que se pretendía instaurar o topónimo co L”, ben como tal ao rol xogado polo BNG durante o goberno bipartito, “con Ermitas Valencia á fronte da Concellaría de Normalización Lingüística”, etapa en que se deu “un paso de xigante no impulso destas políticas na cidade”. Que non se tería dado se non fose polo labor de persoas como Antón Laxe, asesor de Valencia, ou “quen daquela era a única técnica de normalización lingüística, Nuria Seoane”.

Escanos

E nun xesto que ela propia, e con razón, cualificou como “pouco frecuente”, Avia Veira non tivo reparos en recoñecer que os anos de goberno da Marea Atlántica en María Pita tamén foron positivos para o avanzo da causa do noso idioma, con todos os membros daquel executivo a empregaren sempre e con total normalidade a nosa lingua no salón de plenos.

Esta Ordenanza do Galego funde as súas raíces “nos exemplos doutros concellos e tamén da propia Deputación Provincial”, mais en todo caso se finalmente se está a dar este debate no Pleno é “pola insistencia do BNG”. Foi o Bloque, subliñou, quen pulou por que a Ordenanza do Galego figurase no Acordo de Investidura asinado co PSOE en xuño de 2019. “E como non víamos avanzos, insistimos no salón de plenos en máis dunha ocasión que este asunto estaba pendente de se cumprir”, evocou Veira, quen lembrou como tamén na última Comisión de Seguimento co grupo municipal socialista “acordamos darlle o impulso político definitivo para que o Goberno Local a levase a Pleno”.

“Hoxe cúmprese unha parte do Acordo de Investidura, un acordo que asinamos coa finalidade de lle ser útil á cidadanía da Coruña. Hoxe corriximos, pois, unha anomalía: A Coruña vai deixar de ser a única das 7 grandes cidades do País que non tiña ningún tipo de regulación municipal específica para a lingua galega”, remarcou.

A Ordenanza do Galego, pormenorizou, implica un “conxunto de persoas moi diversos”, isto é, o persoal municipal, as integrantes do Goberno Local, ben como aquelas vinculadas ás empresas contratistas de servizos públicos. “Mais sobre todo”, esclareceu,”é un garante para as persoas galego-falantes do seu dereito a seren atendidas en galego no Concello da Coruña e naqueles servizos que del dependen”.

Unha garantía da presenza do galego nas campañas publicitarias, nas publicacións, nas compras de bens e materiais, na contratación de servizos, na sinalización e rotulación, na formación do persoal, no respecto da toponimia e nomes das rúas. Unha garantía de maior esmero na calidade da lingua e no emprego tamén dunha linguaxe democrática e inclusiva. Unha garantía de reforzo dos servizos de normalización lingüística.

Á Ordenanza do Galego foron presentadas senllas emendas, do PP e da Marea Atlántica, que decaeron ao non contaren co apoio da maioría da Corporación.

Á conclusión do debate, e durante un receso do pleno, Avia Veira e o portavoz do BNG en María Pita Francisco Jorquera uníronse a unha concentración convocada pola Mesa pola Normalización Lingüistica na Praza de María Pita para festexar a aprobación da Ordenanza. Entre as persoas asistentes estaban as ex concelleiras do BNG Ermitas Valencia e María Xosé Bravo, ben como o secretario de Organización do Bloque na Coruña, Fran Rei.

 

 

O Concello aproba por fin unha materia pendente e dá luz verde á Ordenanza do Galego